Friday 22 de November de 2024

O Concello exime o deporte local do pago da taxa por usar as instalacións deportivas


O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, tamén anunciou en rolda de prensa que o protocolo de desinfección dos espazos deportivos será asumido directamente polo Goberno local para lles “botar unha man ás entidades deportivas nestes momentos difíciles”

O Goberno local eximirá do pago da taxa por usar as instalacións deportivas os clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro. Permitiralles organizar aqueles actos compatibles cos usos destes espazos e nos que non se leve a cabo ningunha actividade económica e que propoñan o acceso gratuíto ao público asistente, ata o 31 de decembro de 2020, segundo anunciou hoxe en rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Turismo e Festas, Juan Ignacio Borrego.
O concelleiro destacou que o Goberno local estudará a posibilidade de ampliar o prazo ata o remate da tempada 2020-2021, 31 de xullo de 2021, en función da evolución da pandemia. Tamén indicou que, independentemente deste anuncio, o Executivo local está a traballar nunha nova ordenanza de uso das instalacións deportivas municipais que pode supoñer a mellora destas medidas. Borrego tamén anunciou que “o cumprimento do protocolo de desinfección das instalacións deportivas será asumido directamente polo concello mentres sexa esixido polas autoridades sanitarias e, ata que deixe de selo, naqueles actos compatibles cos usos das instalacións e nos que non se leve a cabo ningunha actividade económica e se propoña o acceso gratuíto ao público asistente”. Os labores de limpeza, sinalou, “xa eran asumidos polo concello e reforzados na actualidade seguindo as esixencias do protocolo da COVID-19”. Desde o Goberno local “queremos botarlles unha man nestes momentos ás entidades deportivas”,
asegurou o edil.