Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis con 107 bandeiras para os areais de 33 concellos, ás que se engaden os distintivos para os portos deportivos e os centros azuis
A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2020. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107 (ao igual que en 2019); e que se eleva a 133 distincións sumando os distintivos ás praias, portos deportivos, aulas e centros da natureza.
Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 134 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 589 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade andaluza (100 bandeiras) e a catalá (95).
Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego – e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 17 praias distinguidas. Cómpre indicar que Sanxenxo presentou nesta edición unha candidatura individual para as praias de Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro, Areas Gordas e A Lapa, que foron distinguidas con este distintivo. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2020; Cangas do Morrazo (7), e Marín (con 5 bandeiras).
Na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete -ao igual que en 2018 e 2019-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos, respectivamente.
Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello da provincia que
acumula máis distintivos, con cinco galardóns para as praias de A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas. (Ao final das táboas coa relación de bandeiras azuis para os areais galegos, indícanse os sendeiros distinguidos).
Portos deportivos, centros azuis
En relación aos portos deportivos, en 2020 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia da Coruña a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por Pontevedra con cinco e un na provincia de Lugo. O Clube Náutico de Sada, o Porto Deportivo Sadamar e o Real Clube Náutico de Sanxenxo reciben este ano este distintivo, mentres que na anterior edición non o ondearon.
É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 14 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.
O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela, Cervo, Bueu, Sanxenxo, A Illa de Arousa e Marín por ser quen de acadar este recoñecemento.