Friday 22 de November de 2024

Brión convoca uns obradoiros de verán gratuítos e dirixidos unicamente a familias que non teñan con quen deixar os rapaces


Dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos, terán lugar do 22 de xuño ao 11 de setembro en horario de 9:30 a 13:30 horas
O Concello de Brión convoca os obradoiros de verán que, con motivo da pandemia do coronavirus COVID-19, este ano serán gratuítos e dirixidos única e exclusivamente a familias empadroadas no municipio nas que os pai e nai traballen e non teñan outra opción para deixar aos rapaces. Os obradoiros terán lugar do 22 de xuño ao 11 de setembro e as inscricións poderán facerse ata o martes anterior ao inicio da quincena en actividadesbrion@gmail.com ou no 981 50 99 08.
O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “debido á situación excepcional provocada pola pandemia do coronavirus COVID-19, decidimos que os obradoiros deste ano sexan gratuítos, organizados por quincenas e só para casos realmente necesarios de familias empadroadas en Brión, é dicir, para ofrecerlles unha solución de conciliación a aquelas familias nas que pai e nai traballen e non teñan ningunha outra alternativa para deixar aos nenos e nenas”.
Estes obradoiros, denominados “Neonovo e o novo mundo!”, terán lugar do 22 de xuño ao 11 de setembro, de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 horas. O Concello de Brión tamén habilitará a posibilidade de deixar ás crianzas de 8:30 a 9:30 horas e recollelos ata as 14:30 horas, se fora preciso. Poderán participar nenos e nenas entre 3 e 14 anos empadroados en Brión. Os obradoiros organizaranse en grupos dun máximo de 9 nenos e nenas, divididos por idades, de modo que as actividades que se realicen estarán adaptadas a cada idade: plástica, natureza, música, artesanía… Unhas actividades que sempre seguirán os protocolos de seguridade indicados polas autoridades sanitarias.
As fichas de inscrición poden descargarse da páxina web municipal ( www.concellodebrion.gal ) e deberán enviarse antes do martes anterior ao inicio da quincena, é dicir, o martes 16 de xuño no caso da quincena do 22 de xuño ao 3 de xullo.