A Arquivo do Reino de Galicia compartirá os documentos conservados no centro relacionados coa presencia dos ríos en Galicia e a súa interacción coa paisaxe
As dotacións culturais da Xunta de Galicia na Coruña celebran mañá o Día Internacional dos Arquivos cun amplo abano de actividades nos museos e arquivos que se estenderán ao longo de toda a semana. A maioría destas iniciativas serán virtuais, dixitais e multimedia quedando limitadas as actividades presenciais ao ter en conta a actual crise sanitaria e o proceso de desescalada no que nos atopamos.
O epicentro das actividades programadas pola Xunta estará nos arquivos, os principais protagonistas desta efeméride, pero as actividades estenderanse tamén aos museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo xa que, a preservación dixital dos seus arquivos documentais son peza clave para a documentación das súas coleccións e teñen un valor único.
Neste marco, o Arquivo do Reino de Galicia conmemorará esta data cunha mostra virtual sobre a presencia dos ríos en Galicia e a súa interacción coa paisaxe e as xentes a través dos documentos conservados no centro, especialmente dos documentos gráficos e figurativos. Esta mostra poderase visitar a través da páxina web do Arquivo ao longo de toda a semana.
Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña compartirá información e imaxes sobre a dixitalización dos fondos documentais da Real Fábrica de Loza de Sargadelos, logo da recente remodelación da Sala que ten adicada no museo e que forma parte da súa colección permanente. Entre os documentos que se poden atopar destacan os Catálogos de Loza e varios manuscritos procedentes da Fábrica de Municións de Sargadelos.