As familias poderán optar por anotar aos cativos para os dous meses, a razón de 15 euros/mes, ou tamén por días soltos
O Concello de Lousame abre hoxe, e ata o vindeiro venres 12 de xuño, o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán 2020, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que terá lugar durante os meses de xullo e agosto. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O Concello convoca 20 prazas e as inscricións deben realizarse no Rexistro Municipal.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “dende o Concello de Lousame somos conscientes da necesidade de seguir mantendo as iniciativas de conciliación da vida familiar e laboral, polo que a Ludoteca de Verán desenvolverase este ano seguindo escrupulosamente os protocolos estipulados polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade de todos os nenos e nenas que participen”.
Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar a solicitude correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal ( www.concellodelousame.gal ). Ademais de presentar a última nómina ou recibo de autónomos (para acreditar a situación laboral e ingresos) e a certificación bancaria orixinal do número de conta (no caso de menores que este curso non asistiran a ningún servizo do Lousame Concilia), este ano será necesario presentar declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame e certificado de monoparentalidade emitido pola Xunta de Galicia, de ser o caso..
No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 696 732 351, sempre e cando haxa prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou nos teléfonos 981 820 494 e 689 126 385.
Baremo de admisión
No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as e con residencia efectiva e acreditable no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos (ou un proxenitor no caso de familias monoparentais). Finalmente, outorgarase 1 punto aos menores que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.