O Concello e mailo club MTB Biela e Chaveta propóñennos para o próximo 27 de xuño unha ruta nocturna polas corredoiras dos arredores de San Sadurniño. Arrancará ás 22.00h. de diante do CPI e, tras facer un pequeno percorrido pola zona urbana, collerá rumbo a Doso e Pedroso seguindo pistas forestais e da parcelaria. Haberá un circuíto infantil -ou para persoas con menos práctica- e outro de 22 quilómetros para persoas adultas. As inscricións poden facerse a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
Trátase do primeiro evento deportivo organizado polo Concello tralo Estado de Alarma e desenvolverase cumprindo as normas que o Estado ten previsto publicar esta semana sobre as recomendacións e medidas preventivas da “nova normalidade”.
Ademais do que diga o BOE -ou o que indiquen os protocolos federativos- tamén será obrigatoria a inscrición previa e, chegado o día, o uso de casco, luz frontal e sinalización traseira. Recoméndase, ademais, empregar outro equipamento de seguridade -luvas, roupa que amorteza posibles caídas, etc.- aínda que o itinerario non revista perigos reseñables.
A ruta é unha cita non competitiva e con participación gratuíta que sairá de diante do colexio público coas últimas horas do día. Logo tirará para Doso subindo até a Casanova e desde alí baixará a Pedroso pasando polo Castro e tirando case en paralelo polo rego do Carballo até Vilallonte, onde dará volta de par da AC-112, baixará á Revolta e seguirá camiño pola ribeira norte do Xubia ata alcanzar de novo o centro urbano.
Esta será a ruta máis longa, a de 22 Km., e tamén a máis técnica. Por iso se reserva para persoas adultas e/ou rapazada que xa teña resistencia e, sobre todo, experiencia en trazados complicados. Para o resto -xente grande e menores que só queiran probar- haberá un percorrido máis curto e tamén doado de completar.
Para participar hai que ter máis de 8 anos de idade e inscribirse a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal antes do venres 26 enviando cuberta a correspondente ficha, que se pode descargar na web sansadurnino.gal. Para obter máis información sobre a ruta tamén se pode chamar ao 616 332 919.