Saturday 16 de November de 2024

A Xunta realiza un novo envio de 23075 unidades de material de protección para facer fronte á covid-19 ás residencias e entidades sociais da comarca de Ferrolterra


Esta semana enviouse unha nova partida de 12.600 máscaras, 10.312 luvas e 163 traxes antisalpicaduras
A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á COVID-19 con destino ás residencias e entidades sociais da comarca de Ferrolterra. Nesta área a partida inclúe 12.600 máscaras, 10.312 luvas e 163 traxes antisalpicaduras.
Entre as partidas enviadas esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais.
Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado dez envíos de material aos centros sociais da comarca con material de protección.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.
Ovidio Rodeiro puxo en valor “a colaboración institucional da Xunta de Galicia coas entidades sociais” para “sumar esforzos” para contribuír na loita contra a expansión do virus.
Nesta liña, convidou a tódalas institucións a colaborar co Goberno autonómico porque “a prioridade fundamental é garantir a protección dos cidadáns e todos debemos remar nesa dirección”. Ademais, engadiu que “os envíos da Xunta de Galicia á comarca continuarán nas vindeiras semanas para garantir a protección das persoas que se atopan na primeira liña na loita contra o coronavirus”.