Os formularios deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou tamén a través da sede electrónica
José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, vén de publicar un bando co gallo das festividades de San Xoán e San Pedro. Persoas, asociacións ou entidades organizadoras que vaian levar a cabo algún acto de
celebración deberán comunicar a realización de cacharelas no Rexistro Xeral do Concello antes das 14 horas do próximo 19 de xuño. O trámite tamén se pode facer a través da sede electrónica.
Entre as normas que se deben cumprir están a prohibición excepcional de facer lume en locais sociais ou na súa contorna, en prazas, parques, xardíns municipais, así como en calquera outro ben de dominio público de carácter especial.
Pola contra, estarán permitidas en vías públicas non pavimentadas, así como nas pavimentadas e nas beirarrúas. Nestes últimos casos, coma sempre, será necesario protexer a área cunha chapa metálica sobre a que se colocará unha capa de area (de 10 como mínimo e facilitada polo Concello se fose necesario).
Para as propiedades privadas haberá que contar coa autorización previa do propietario dos terreos. O Concello de Ordes non asumirá ningunha responsabilidade no caso de non expedirse o dito permiso.
Entre as normas de seguridade deberán usarse máscaras e manter en todo momento a distancia e as medidas de seguridade. Cómpre evitar grupos superiores ás 20 persoas (pendentes dos cambios derivados do remate da fase 3 de desescalada e do estado de alarma, previsto para o 21 de xuño). Tamén está que o volume de combustible das cacharelas non excederá os 8 m de perímetro nin os 3 m de altura. A separación dos edificios e as árbores será como mínimo de 8 m e non poderán situarse
baixo o tendido eléctrico nin telefónico. Está prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou calquera outro produto que conteña líquidos inflamables, gases a presión ou que ao arder poida desprender fume tóxico. É moi importante que ao remate da celebración se comprobe que as cinsas da cacharela quedan totalmente apagadas e retirar os restos nun prazo máximo de 24 horas.
Tanto a Policía Local ou subsidiariamente a Garda Civil vixiarán o cumprimento das ditas normas, formulando a correspondente denuncia en caso de incumprimento.