Coincidindo coa Fase 3 da desescalada que se implantará na comunidade galega, e co fin de satisfacer as necesidades de mobilidade da cidadanía no proceso cara á nova normalidade
Coincidindo coa implantación da fase 3 de desescalada no proceso cara á nova normalidade, a Compañía de Tranvías reactivará a partir do luns, 8 de marzo, a totalidade do servizo habitual de transporte urbano. Así, o 100% da frota sairá á rúa para atender as necesidades de mobilidade das persoas usuarias.
Durante as últimas dúas semanas o servizo xa se viu incrementado nun 30% respecto á fase 1, e con este novo paso facilitarase á cidadanía que renoven a súa actividade movéndose nun transporte público e con todas as garantías de seguridade.
A Compañía de Tranvías manterá vixentes todas as medidas de hixiene e prevención xa establecidas como a colocación de biombos de seguridade na cabina do condutor ou as medidas especiais de limpeza e desinfección dos vehículos, que a partir da próxima semana incluirán a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico para as persoas usuarias. O compromiso da Compañía de Tranvías e a súa eficacia á hora de implantar as medidas de protección verase en breve referendado pola certificación AENOR fronte ao COVID-19. Este selo avala a adecuada implantación de medidas de seguridade e hixiene de maneira que as empresas e institucións poidan garantir ás persoas usuarias, as súas empregadas e empregados e á súa clientela que nas súas instalacións están a desenvolverse prácticas eficaces para a xestión dos riscos derivados do COVID-19.