A Corporación do Concello de Moeche reuniuse este venres nun pleno extraordinario para votar a proposta deseñada polo Goberno local duns orzamentos “sociais” e “adaptados ás novas necesidades” onde destaca o incremento nun 26,5% das partidas destinadas a benestar social. O documento cifra os apartados de ingresos e gastos nun total de 1.851.950€, manténdose en niveis moi semellantes aos de 2019. Porén a cifra verase incrementada en breve coa asignación dos fondos provinciais do POS Complementario e do convenio para as obras do Centro de Apoio ao Medio Rural, de maneira que o orzamento sobrepasará na práctica os 2 millóns de euros. O documento saiu adiante só cos votos do BNG nunha sesión que se desenvolveu co grupo nacionalista no salón de plenos e o PP participando por vía telemática. Na cita tamén se lle deu o visto e prace á adhesión de Moeche ao “Pacto das Alcaldías polo Clima e pola Enerxía”.
Desde o Executivo local destácase que as contas deste ano parten dunha situación económica de “absoluto cumprimento” da normativa estatal sobre regra de gasto, equilibrio económico e financeiro e niveis de endebedamento, segundo se reflectiu na liquidación das contas de 2019 presentada en prazo o mes pasado.
Ademais tamén se incide en que o documento aprobado só cos votos favorables do grupo municipal do BNG está adaptado “ás novas circunstancias que se deberán afrontar para asumir os efectos da crise”, tal e como indicou ao remate da sesión a rexedora local, Beatriz Bascoy.
Neste sentido houbo unha reordenación de partidas para trasladar unha parte dos fondos de Cultura e Deportes destinados ao tecido asociativo e tamén unha parte das achegas do plan extraordinario habilitado pola Deputación para paliar as repercusións socioeconómicas da COVID-19, co fin de incrementar os apartados de emerxencia e atención social e de apoio ao tecido produtivo local. “Falamos coas entidades do concello e estiveron de acordo en que se fixese unha redistribución orzamentaria para dedicar a outras cuestións máis urxentes boa parte das axudas que recibían para actividades culturais, por iso este orzamento ten un contido eminentemente social”, explica Bascoy.
Un orzamento orientado ás repercusións da crise
Así, o Capítulo 4 do orzamento -onde se recollen este tipo de transferencias correntes- increméntase máis dun 10%, creando unha liña de axudas dotada inicialmente con 20.000 euros que, de ser necesario, o Concello poderá incrementar con remanentes propios. Destas axudas poderán beneficiarse persoas autónomas e pemes afectadas polo Estado de Alarma. Tamén se habilita unha partida de 6.000 euros destinados a axudas de emerxencia social para familias. Por outro lado o orzamento incorpora unha reserva de 12.000 euros para a asignación de bolsas de estudo e mantén o convenio nominativo de 1.000 euros coa ANPA do CEIP San Ramón, ademais de incrementar até os 4.000 a subvención nominativa para a ACDR Moeche, incremento que obedece ao feito de que agora esta entidade se encargará do mantemento do campo de fútbol municipal.
“Trátase dun orzamento orientado ás persoas e definido para un contexto postcrise”, apunta alcaldesa engadindo que, malia todo, “non descoida outros apartados, como por exemplo os investimentos”. Este apartado, recollido no Capítulo 6, reflicte proxectos por valor de 573.500 euros. A maior parte desta cantidade -460.581 euros- provén de transferencias de capital doutras administracións e 112.919 euros son recursos municipais.
Atendendo a como se distribuirán, o cadro orzamentario indica que máis de 214.000 euros son para melloras e mantementos na rede viaria con financiamento maioritario da Deputación e, nunha pequena parte, tamén da AGADER.
Os 359.000 euros restantes dedicaranse a obras e proxectos de aforro enerxético: a iluminación da estrada da feira, o proxecto de reparación das bancadas do campo municipal, melloras na área recreativa de Soutogrande, a adquisición de colectores do lixo e a merca dun vehículo para o departamento de Servizos. Destaca neste capítulo o investimento de 157.000 euros no Centro Comarcal de Apoio ao desenvolvemento rural financiado con fondos europeos, ao que se sumará a cantidade de 103.000 euros do convenio coa Deputación da Coruña que se asinará nos próximos días. A esas partidas aínda haberá que engadirlle nos próximos meses os fondos do Plan complementario do POS para proxectos de pavimentación e da mellora da rede de auga.
Ingresos
A parte dos ingresos do orzamento municipal, que ascenden a 1.851.950 €, financiaranse cunha previsión de obter por vía directa 320.000 euros -IBI, IAE e “rodaxe”- e cunha cifra semellante á do ano pasado en canto a impostos indirectos -o de Instalacións Construcións e Obras-, estimado no documento en 12.500 euros. A alcaldesa destaca que “un ano máis” o orzamento se sustentará “sen necesidade de subir impostos municipais”.
Baixan os ingresos por taxas, prezos públicos e outros ingresos -Capítulo III- , que se cuantifican en 223.576 euros -un 0,46% menos que o ano pasado- e por transferencias correntes para o Capítulo IV compútanse 780.792 euros -case un 14% máis que en 2019- procedentes de subvencións xa confirmadas para afrontar gastos derivados da pandemia. No caso das transferencias de capital -Capítulo VII- as achegas doutras administracións estímanse en 460.581,49€, pendentes de incluir as subvencións que o Concello prevé recibir de aquí a finais de ano.
Persoal
No apartado de persoal , que se sitúa en 521.150 €, a cifra sobe con respecto a 2019 nun 11% debido ao reforzo ao reforzo do SAF cunha nova traballadora temporal para facer fronte á pandemia e tamen ás contratacións de persoas desempregadas con cargo ao Plan de Emprego Local da Deputación e ao APROL Rural da Xunta, e á recente contratación dun técnico de Turismo. Contratos todos eles que contan ou contarán con achegas doutras administracións
Moeche asina o “Pacto das Alcaldías para o clima e a enerxía”
Na sesión celebrada este venres tamén se lle deu o visto e prace -desta vez por unanimidade- á subscrición do pacto europeo das alcaldías para o clima e a enerxía. Trátase dunha declaración na que se adquire o compromiso de levar a cabo unha folla de ruta común a todas as administracións co obxectivo de frear o cambio climático co horizonte do ano 2050.
O pacto, auspiciado pola Comisión Europea, marca retos de carácter ambiental que permitan conter o quecemento global nun máximo de 2 graos centígrados por riba dos que se rexistraban na época preindustrial. Un dos compromisos que se expresan é o de que os municipios sexan capaces de reducir nun 40% as súas emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro antes do remate desta mesma década. Os concellos adheridos ao pacto tamén se comprometen a aumentar a súa capacidade de resistencia e adaptación ao cambio climático e, ademais, asumen o compromiso de compartir experiencias, coñecementos e resultados.
Cambio de data da sesión ordinaria
Por último, tamén se aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía de cambio de data da sesión ordinaria do Pleno (que debería ter lugar o 18 de xuño), co fin de que se celebre dentro do período legal – entre o 13 e o 17 – do sorteo dos membros das mesas electorais e evitar así a celebración de dúas sesións plenarias en días moi próximos. A nova data quedou fixada para o martes 16 de xuño.