A alcaldesa anunciou no Día Internacional do Medio Ambiente que o edificio de Bens levará o nome deste traballador, unha persoa referente que “compartía a mesma filosofía medioambiental”
No Día Internacional do Medio Ambiente, a alcaldesa Inés Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, visitaron o Centro de referencia climático no lugar de Bens, “un símbolo do que as políticas medioambientais representan para os gobernos socialistas e que tamén asumimos nós como Goberno municipal” expresou a rexedora.
Rey asegurou que o operador enerxético municipal tamén reflicte o compromiso deste Goberno Municipal coa sustentabilidade.
A alcaldesa salientou a importancia da aprobación por unanimidade do Pleno da adhesión ao Pacto das Alcaldías polo clima e a enerxía, o que ratifica o compromiso medioambiental deste concello.
Rey anunciou que o edificio de Bens levará o nome de Fernando Roade, referente na materia “que compartía a mesma filosofía medioambiental e peza fundamental no nacemento da área de Medio Ambiente do noso concello”.
Na súa visita a Bens, a alcaldesa e a concelleira percorreron as instalacións e comprobaron o avance na instalación das placas fotovoltaicas, do aeroxerador e da estación de medición e control metereolóxica, punteira no noso país e, que de non ser polo período de confinamento, xa estarían rematados.
O Centro do Clima e a Enerxía “Fernando Roade” pretende ser tamén un lugar de encontro entre escolares e as enerxías renovables dentro do programa de Educación Medioambiental da concellería. “Queremos que cando alguén se achegue a este centro atope todo tipo de enerxías renovables e coñeza o seu funcionamento posto que son o noso presente e, sobre todo, o noso futuro”.
A concelleira aproveitou para sinalar a importancia das normas aprobadas polo Goberno Central este mesma semana sobre a economía circular, tratamento de residuos, uso de plásticos e loita contra a contaminación.