Friday 22 de November de 2024

A intervención da Policía Local de Fene nun caso de cans perigosos relaciónase coa subtración dun dos animais en Cantabria e motiva unha denuncia por desprazamentos non permitidos entre comunidades durante o Estado de Alarma


 

A Policía Local de Fene recibiu o pasado 21 de maio unha chamada alertando da lea entre un can da raza Pitbull e un American Staffordshire Terrier no lugar do Pachuzo, en Perlío. Foron as propietarias quen telefonaron á policía ante a imposibilidade de controlar a agresividade dun dos cans, que deixou malferido ao outro. O episodio produciuse cara ao mediodía nunha finca sen ningún tipo de peche e cos dous animais ceibos e sen bozal, razón pola que os axentes decidiron abatir o can atacante evitando así que fuxise cara á vía pública. O outro animal foi recollido polo persoal da canceira de Mougá para tratalo das súas feridas. O suceso, publicado por varios medios de comunicación, tivo ampla repercusión nas redes sociais con comentarios a favor e en contra da actuación policial que, tal e como se reflicte no informe, estivo motivada “no perigo que os cans poderían ocasionar ás propietarias ou a terceiras persoas”. Porén, a cousa non acabou aí, xa que a raíz da intervención da Policía Local de Fene sóubose que un dos animais fora subtraído do Centro Canino Besaya, dependente do Concello de Torrelavega, e que, ademais, as propietarias dos animais -que teñen retirada a autorización para posuír cans de razas perigosas- se terían desprazado desde Cantabria ata Fene durante o Estado de Alarma sen un motivo xustificado.

Tras identificar ás propietarias, a Policía Local contactou co corpo do municipio de Santa Cruz de Bezana, en Cantabria, “co fin de realizar as comprobacións oportunas”. Das pesquisas despréndese que as titulares dos animais -con domicilio nese municipio- foran denunciadas “en varias ocasións” por problemas derivados da agresividade dos cans, o que levou ao Concello bezanego a decretar que se lle entregasen ás autoridades municipais tanto os animais como as respectivas licenzas para posuír razas perigosas.

Porén, con posterioridade á orde municipal, un dos cans foi interceptado na vía pública “na compaña dunha das titulares” e trasladado ao Centro Canino Besaya para poñelo en corentena e avaliar a súa agresividade.

En días posteriores, estando xa decretadas as restricións á mobilidade por causa do Estado de Alarma, o can foi subtraído do centro de acollida. O servizo, dependente do Concello de Torrelavega, presentou denuncia no posto da Garda Civil da vila, quen abriu dilixencias por un suposto penal de roubo con forza nas cousas.

Trala identificación de animais e propietarias en Perlío o pasado 21 de maio, e tendo coñecemento dos sucedido en Cantabria, a Policía Local redactou un atestado que lle foi entregado á Garda Civil de Fene para a súa tramitación xudicial “por un suposto ilícito de receptación” relacionado coas dilixencias abertas previamente polo posto de Torrelavega.

Ademais, a Policía Local de Fene tamén formulou as correspondentes denuncias administrativas polos desprazamentos “non autorizados ou non xustificados realizados desde outra comunidade” durante o Estado de Alarma. Ademais, a raíz do episodio que motivou a intervención policial, as dúas titulares dos animais foron denunciadas por varios incumprimentos da normativa sobre a tenza de cans de razas potencialmente perigosas.