A alcaldesa e varios membros do Goberno local reuníronse esta mañá coa directiva da Lonxa da Coruña para abordar o borrador desta iniciativa “que busca potenciar o peixe descargado na Coruña, en sintonía con outras que atenden á gastronomía propia da zona”
A alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, o concelleiro de Turismo, Juan Borrego, a concelleira de Innovación, Industria e Emprego, Eva Acón, e a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, reuníronse esta mañá co presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, o vicepresidente da Lonxa da Coruña, Torcuato Teixeira, e outras persoas representantes da entidade, co fin de apoiar un selo distintivo que recoñeza e promova o produto descargado na nosa lonxa.
Na reunión abordáronse as principais liñas do borrador desta iniciativa, que está impulsada pola FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social) e que conta co apoio do Concello da Coruña ao asociarse a calidade do produto do sector pesqueiro coruñés coa marca da cidade.
Segundo a alcaldesa, quen tamén pertence ao patronato da FREMSS, “trátase dun distintivo que recoñecerá a calidade do produto descargado na Coruña, en sintonía con outros que atenden á gastronomía propia da zona, e que conta coa participación do propio sector pesqueiro”, e “para materializalo será necesario que o peixe e o marisco da lonxa coruñesa sexa etiquetado con este distintivo na propia instalación portuaria”. Ademais, Rey considera que “esta marca é importante para
poñer en valor o noso produto e darlle un empuxe ao noso sector pesqueiro, un dos principais motores económicos da cidade”.