Friday 22 de November de 2024

O departamento de Desenvolvemento local empeza a distribuír a planta do certame “San Sadurniño en flor”


 

O furgón do departamento de obras vai levar unha “quenta” importante durante estes días. Desde este xoves pola mañá está facendo viaxes por todo o territorio para distribuír a planta do certame “San Sadurniño en flor” entre todas aquelas persoas que se apuntaron a engalanar casas e xardíns nun proxecto que busca darlle un toque de alegría ao municipio, pero tamén apoiar aos viveiros locais e a outras pequenas empresas relacionadas co sector primario. A base operativa do reparto é a Casa da Cultura, desde onde sairán durante estes días máis de 2.000 plantas variadas con destino aos preto de 140 fogares inscritos. Os lotes van nunha caixa de cartón xunto con recomendacións sobre os coidados que requiren e un recordatorio das bases do concurso, que reserva 30 premios para as composicións máis rechamantes.

O Concello distribuirá oito tipos de plantas de flor para exterior caracterizadas pola súa vistosidade. Xeranios, margaridas de río e africanas, nemesias, lavanda, heliotropos e salvia proporcionadas por Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales-A Casa das Plantas e, a maiores, pés noviños de distintos tipos de ciclamen doados por Vivergal.

Os lotes que se están repartindo son diferentes en cada zona de reparto, co obxectivo de que o resultado final en todo o concello sexa tamén variado. O persoal municipal está levando ás casas caixas de cartón coas plantas asignadas que, tal e como recomenda Manolo Varela, “deberán dispoñerse preferiblemente nun lugar onde sexan visibles desde a vía pública”.

A idea municipal é facilitar un pequeno lote gratuíto para elaborar unha composición á que se lle poden engadir máis plantas e tamén obxectos reciclados -palés, caldeiros, caixas de madeira, etc.- a xeito de xardineiras ou como complemento ornamental. Queda “á imaxinación do participante” conseguir que o resultado sexa “algo atractivo”, apunta Varela. “O reto é utilizar esta planta da mellor maneira posible e que a xente que pase por diante da casa tamén poida gozar desa vista”.

Con cada envío que se está facendo tamén se achega un resume sobre os coidados que requiren as flores, referidos tanto ao proceso de trasplantado como ás condicións ambientais, de rega e fertilización. A finalidade destes consellos é garantir que as plantas prendan e collan forza de inmediato para cumprir cos calendarios do certame.

E é que “San Sadurniño en flor” dá de prazo até o día 22 deste mes para ter armadas as composicións e para que cada participante envíe a agustin.perez@sansadurnino.gal ou ao whatsapp 616 332 919 “dúas ou tres fotos” sobre como quedou a cousa, indicando ademais os seus datos de contacto: nome, apelidos, enderezo e teléfono.

A localización das composicións participantes publicarase nun mapa de Google Maps e todas as fotografías recibidas formarán parte dunha galería en Facebook.

30 Premios
As persoas participantes que remitan as súas imaxes entrarán no concurso dividido polo Concello en tres categorías e con dez premios en cada unha: mellores composicións florais de exterior, xanelas/balcóns máis floridos e patios/peches/xardíns máis vistosos.

Un xurado composto por dúas persoas representates dos viveiros e unha por parte do Concello revisará as imaxes e incluso reserva para si a posibilidade de achegarse aos domicilios para ver no sitio o nivel da composición.

O seu fallo darase a coñecer o 30 de xuño, data na que tamén se indicará o día previsto para a entrega dos galardóns, consistentes en lotes de produtos da terra adquiridos pola área de Desenvolvemento local a empresas e persoas autónomas do territorio relacionadas co sector primario “que participaban habitualmente na Feira da Plantación” suspendida por causa da pandemia.

Por outra banda, ademais de promover o adobío de vivendas, o Concello tamén vestirá de flor a fachada principal da casa consistorial e renovará o parterre situado diante da Casa da Cultura. Un labor do que se encargará a floraría La Feira.

Participación en “Vilas en Flor”
O certame organizado polo Concello ten tamén a finalidade de apuntalar a candidatura municipal para acceder ao clube estatal “Vilas en Flor”, que premia aquelas vilas e cidades máis engalanadas e, sobre todo, ás que “veñen facendo políticas orientadas ao coidado dos entornos e o medio ambiente”, como é o caso de San Sadurniño. En Galicia -onde xa existen 16 municipios co distintivo- é a Fundación Juana de Vega quen se encarga de avaliar as aspirantes. “É un recoñecemento que se revisa anualmente. Unha vez que o solicites veñen ver todo o que fixeches e se es merecente danche unha puntuación do 1 ao 5”, explica Manolo Varela.

O proceso de selección das “Vilas en Flor” para 2020 está interrompido temporalmente debido ao Estado de Alarma, pero San Sadurniño aspira a obter o selo facendo valer as súas accións ambientais -arboreto, horta de conservación, recuperación dos xardíns, mantemento de rutas, etc.- e arrimándolle, ademais, a experiencia “San Sadurniño en flor”.