Saturday 16 de November de 2024

Lousame convoca os seus campamentos de verán, “seguros e distintos, pois estarán adaptados á situación actual da COVID-19”


Haberá dúas quendas para evitar aglomeracións, aumentaranse o número de monitores e duplicaranse os días de campamento, que terá lugar en horario de mañá e ao mesmo prezo co ano anterior

O Concello de Lousame abre hoxe xoves 4 de xuño, e ata o vindeiro 15 de xuño, o prazo de inscrición nos seus Campamentos de Verán 2020. “Son uns campamentos distintos e adaptados ás circunstancias actuais. Pero quero dicirlles ás familias que van ser uns campamentos seguros, nos que a seguridade dos nenos e nenas estará por riba de todo”, asegurou esta mañá a alcaldesa Teresa Villaverde, quen presentou esta iniciativa de conciliación familiar canda a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.
Neste sentido, Villaverde Pais quixo transmitirlle ás familias que desexen participar nos campamentos que “poden ter garantía de que todo o material que se empregará será desinfectado previamente, empregado de forma individual pola persoa participante e volverase desinfectar despois do seu uso. Haberá tamén máis monitores e máis persoas de apoio para que o campamento se leve a cabo seguindo os máis estritos protocolos de seguridade, sen esquecer programar actividades orixinais e diferentes”.
Novidades
De feito, entre as principais novidades desta edición é a división do grupo de participantes en dúas quendas, de 20 nenos e nenas cada unha, que terán lugar do 13 ao 24 de xullo e do 27 de xullo ao 7 de agosto. A iniciativa está aberta á participación de nenos e nenas de entre 7 e 14 anos de idade, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Os prezos mantéñense con respecto a anos anteriores, se ben ao non contar con horario de tarde se duplica o número de días do campamento: de 5 a 10 días.
Outra das novidades será que este ano terán prioridade os nenos e nenas empadroados/as e residentes en Lousame, que deberán aboar unha tarifa de 45 euros. En caso de quedaren prazas libres, admitiranse nenos e nenas doutros municipios, que terán que aboar unha matrícula de 65 euros. O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe xoves 4 de xuño ata o vindeiro luns 15 de xuño na Casa da Cultura de Lousame (981 82 57 80).

Actividades
A concelleira de Cultura detallou o programa de actividades, “unha proposta divertida, amena e diversa na que utilizaremos recursos e paisaxes naturais de Lousame como a contorna do mosteiro de San Xusto, as minas de San Finx ou a área recreativa de Brandia”.
Así mesmo, “contaremos coa pista americana inchable máis grande de Galicia, de cen metros de longo; iremos facer sendeirismo e pescar troitas no río Vilacoba, xogaremos unha caza do tesouro na contorna de San Xusto”, adianta Silvia Agrafojo.
Así mesmo, os nenos e nenas poderán desfrutar de circuítos de seguridade viaria, sendeirismo ata o monte Culou, xogos populares, karaoke, cinema, tiro con arco, festa da escuma, circuíto de Karts, xogos de mesa xigantes e obradoiros sobre Zernadas de Castro, graffiti, manualidades, froitas… “Sempre coa seguridade máxima”, incide a concelleira, quen pediu tamén a colaboración das familias para seguir os protocolos de seguridade á hora de deixar ás crianzas.
Deste xeito, as familias chegarán ao polideportivo de Lousame dende O Redullo e pararán diante da porta do polideportivo, onde unicamente baixará o neno ou nena. O persoal dos campamentos tomaralle a temperatura cun termómetro de infrarroxos e, se supera os 37 graos, terá que volver subir ao vehículo. En caso contrario, o vehículo continuará o seu camiño e o pequeno sumarase á actividade, previa desinfección de calzado, mans e obxectos. “É importante a colaboración das familias á hora de deixar aos pequenos para manter o protocolo de seguridade”, incide Silvia Agrafojo.
Finalmente, Teresa Villaverde fai un chamamento á participación da veciñanza pois “os nenos e nenas de Lousame se comportaron de forma moi valente e responsable nestes tempos, pero tamén necesitan interactuar con outros da súa idade, sempre dentro das máximas medidas de seguridade”.