Thursday 21 de November de 2024

Aberto o prazo para a presentación de ofertas para adquirir inmobles no barrio coruñés da Pescadería por un millón de euros


Trátase dunha oferta ao abeiro do Programa Rexurbe, polo cal a Xunta adquire edificios e fincas nos conxuntos históricos das vilas galegas co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas en alugueiro ao veciños
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, abriu hoxe o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de inmobles no barrio da Pescadería, no Concello da Coruña, ao abeiro do Programa Rexurbe. Así consta nunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Trátase da primeira vez que se realiza nesta cidade unha oferta pública destas características, pola cal a Xunta destina un millón de euros para facerse propietaria de edificios e fincas neste conxunto histórico, co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas en alugueiro aos veciños.

No caso da Coruña, o ámbito que se delimita para a adquisición coincide coas partes máis degradadas da zona denominada Pescadería, que está incluída no Plan Especial Cidade Vella-Pescadería.

Todos aqueles propietarios que estean interesados en presentar as súas ofertas á Administración galega dispoñen ata o 25 de agosto para achegar as mesmas. Cómpre recordar que a oferta pública do Programa Rexurbe lanzada pola Xunta neste ano ascende a 1,5 M€ para adquirir inmobles na Coruña, Mondoñedo e Ribadavia e dá continuidade á realizada en 2018 e 2019, polas cales se adquiriron 37 inmobles nos concellos de Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.

Este é un novo esforzo do Instituto Galego da Vivenda e Solo para adquirir inmobles en conxuntos históricos para poñer en valor os conxuntos históricos de Galicia. No caso concreto da oferta de 2020, esta está dirixida a ámbitos urbanos dos conxuntos históricos da Coruña, Mondoñedo e Ribadavia, por ser concellos que xa están a traballar -ou están en fase avanzada de elaboración da documentación para a súa declaración- nunha Área Rexurbe, tal e como se recolle na Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Dentro de cada un dos ámbitos seleccionados establécese como obxectivo actuar preferentemente nas zonas onde exista un maior número de edificacións ou solares en estado de abandono ou semiabandono, procurando concentrar as intervencións para conseguir un maior impacto na rexeneración urbana.

Unha vez adquiridos os inmobles, o Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá á súa rehabilitación e as vivendas serán cualificadas como de promoción pública e destinadas ao alugueiro.

Os edificios ou parcelas que se adquiran no marco deste oferta pública deberán reunir uns requisitos mínimos que permitan:

– Que as novas vivendas, froito da actuación, reúnan as condicións óptimas dende o punto de vista do confort e habitabilidade.
– Non deben estar afectados por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.
– Que os custos da rehabilitación non resulten desproporcionados.

Segundo as estimacións realizadas polo IGVS, os 1,5 millóns de euros da actual convocatoria permitirá adquirir uns 25 inmobles, para habilitar máis de 50 vivendas, aínda que o número definitivo dependerá dos inmobles adquiridos e dos proxectos construtivos e de rehabilitación de cada un. En todo caso, as vivendas resultantes pasarían a incrementar o parque de vivendas de promoción publica do IGVS, que serían adxudicadas a outras tantas familias contribuíndo a fixar poboación nestes conxuntos históricos e á súa dinamización e rexeneración urbana.

Así mesmo, en caso de que unha vez resolta o oferta pública queden dispoñibles parte dos fondos destinados a este concello, esa contía podería redistribuírse entre os outros municipios incluídos no programa Rexurbe co fin de adquirir máis inmobles para rehabilitar.