Friday 22 de November de 2024

UN VERÁN DIFERENTE


O vindeiro mércores, 10 de xuño, abre o prazo de preinscrición para apuntar aos nenos/as na actividade

 

Coas limitacións que conleva organizar unha actividade nestes tempos de pandemia, a Concellería de Cultura do Concello de Fene presenta o campamento “Un verán diferente” que se desenvolverá no Colexio Centieiras de Perlío entre os meses de xullo e agosto. Con esta actividade, dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos, preténdese proporcionar unha alternativa de lecer educativo na nosa lingua á vez que facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Pero ademais, para preservar a saúde dos/as participantes, dende o Concello de Fene salientan que se aplicarán “as normas e protocolos que para este tipo de actividades decreten as autoridades sanitarias” e das que se informará antes do comezo da actividade.
“Un verán diferente” desenvolverase en dúas quincenas, do 15 de xullo ao 20 de agosto, de luns a venres (días laborais) e en horario, de 8:00 a 14:00 horas, aínda que se establecen dúas posibles quendas de incorporación dos nenos/as á actividade: “Madrugadores/as”, de 08:00 a 10:00 h. (os nenos e as nenas poderán incorporarse en frecuencias de media hora ao longo desta franxa horaria) e “Xogamos no exterior”, de 10:00 a 14:00 h (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h)
Por limitacións de aforo, organizarase o campamento en dúas quendas de aproximadamente unha quincena de duración –do 15 ao 31 de xullo e do 3 ao 20 de agosto- cun máximo de 40 prazas por quenda. Ademais, para favorecer a participación dun maior número de nenos/as só se poderá participar nunha delas. E como únicos requisitos, o Concello de Fene establece que os/as participantes deberán estár empadroados en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2020 ou estar matriculados nalgún centro de ensino do termo municipal no curso escolar 2019/2020.
As familias interesadas en apuntar aos nenos/as en “Un verán diferente” deberán realizar a preinscrición desde as 9.00 horas do 10 de xuño até as 14.00 horas do 16 de xuño, preferentemente por vía telemática, a través da sede electrónica, https://sede.fene.gal/, ou do Rexistro Electrónico Común, https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do . Excepcionalmente, tamén poderán facer a preinscrición presencial aínda que, para acollerse a esta modalidade, haberá que solicitar cita previa no teléfono 981 340 366 e acudir o día e a hora que se asigne provisto de máscara de protección facial.
Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, neste campamento a matriculación non se rexerá por orde de inscrición. Estableceranse criterios familiares e laborais para a adxudicación das prazas coma o número de fillos/as menores de 12 anos, número de fillos/as con discapacidade ou falta de dispoñibilidade dos proxenitores ou representantes legais dos menores para atender persoalmente aos seus/súas fillos/as durante o horario da actividade. No caso de empate, priorizarase a quen teña irmáns/ás matriculados/as na actividade e, en última instancia, de manterse o empate, resolverase por orde alfabética do primeiro apelido.
A matriculación en “Un verán diferente” só se poderá facer unha vez confirmada a praza -o 19 de xuño publicarase a lista de admitidos/as na páxina web municipal- e realizado o pago da cota correspondente. Nesta fase de matriculación, que se prolongará do 22 ao 30 de xuño, os pais/nais deberán achegar a documentación especificada nas bases do programa: ficha de datos, ficha médica, informe médico (de ser preciso), declaración de autorizacións, fotografía, xustificante de pagamento da cota, copia da tarxeta sanitaria e declaración responsable a respecto da Covid-19.
Tamén neste caso, a achega de documentación realizarase preferentemente por vía telemática aínda que, excepcionalmente, permitirase a matriculación presencial con cita previa.
O custe da actividade ascenderá a 34 € para o primeiro membro da unidade familiar e a 18 € a partir do segundo membro da unidade familiar. Ademais, en situación de escasa capacidade económica, “as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade nos termos sinalados no artigo 4) da Ordenanza fiscal núm. 2”.
Por último, a Concellería de Cultura lembra que haberá unha reunión previa cos pais/nais/titores dos participantes en cada quincena e coa empresa organizadora da actividade. As reunións terán lugar na no Salón de Plenos da Casa do Concello o luns 13 de xullo ás 20:00 h para os/as participantes na primeira quincena (15 ao 31 de xullo) e o mércores 29 de xullo ás 20 h para os/as participantes na segunda quincena (do 3 ao 20 de agosto).
Para máis información sobre o programa cómpre chamar ao Departamento de Cultura e Deportes (tfno. 981 340 366) ou enviar un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal . Tamén se poden consultar as bases completas do programa na web municipal http://www.fene.gal ou solicitar os folletos que estarán a disposición da veciñanza na portería da Casa do Concello e na do pavillón A Xunqueira de San Valentín.