O Departamento de Deportes do Concello de Fene informou esta mañá que, de momento, non vai abrir o período de reserva de praza nas escolas deportivas municipais para o curso 2020/2021. A decisión obedece a que nestes momentos, e coas condicións e ratios establecidas antes da irrupción da pandemia, “non se pode garantir a seguridade do alumnado”. Neste sentido, o departamento agardará para iniciar a convocatoria a que estean “concretados e definidos” por parte da Xunta de Galicia os correspondentes protocolos de prevención.
A reserva de prazas nas distintas escolas deportivas fenesas iniciábase habitualmente nos meses de xuño e xullo. Porén, nun aviso publicado este mediodía na web municipal fene.gal indícase que “debido á situación provocada pola COVID-19” o proceso quedará temporalmente suspendido e que non se retomará ata que a Xunta de Galicia estableza “uns protocolos de actuación” que atendan tanto ao funcionamento das escolas como aos aforos máximos permitidos nas instalacións municipais en que se desenvolvan.
A intención municipal é poder reanudar as escolas no outono con garantías de seguridade para todo o alumnado e o profesorado.A nota engade a este respecto que os procedementos preventivos e a normativa de matriculación se adaptarán “no seu momento” seguindo os protocolos facilitados polo Goberno Autonómico, así como as directrices que establezan as autoridades sanitarias.