Friday 22 de November de 2024

Lete aplaude a capacidade de adaptación dos deportes de combate que manteñen eventos en liña como o Trofeo Miguelito, o Infantil de Karate ou varios campionatos de taekwondo


En total foron 3.504 judokas os participantes nesta edición do Trofeo Miguelito procedentes de toda España, Italia, Francia, Portugal, Perú, Arxentina, Paraguai, Chile ou Porto Rico entre outros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou o pasado domingo na 32ª edición do Trofeo Internacional de Judo Miguelito, que nesta edición mudou o seu carácter presencial por unha modalidade en liña na que os rapaces e rapazas realizaron as técnicas e exercicios correspondentes ao seu nivel para ser examinados posteriormente. Todos os participantes federados recibiron a súa medalla, acreditando a participación co seu profesor e os participantes internacionais recibiron unha felicitación de recordo. En total foron 3.504 judokas os participantes nesta edición do Trofeo Miguelito procedentes de toda España, Italia, Francia, Portugal, Perú, Arxentina, Paraguai, Chile ou Porto Rico entre outros.

O secretario xeral asegurou que “esta edición é especial polo momento de pandemia que estamos a vivir” polo que sinalou cara o deporte como un “elemento fundamental para todas as facetas da vida e que tamén nos axuda a levar mellor esta situación”. No judo, dixo Lete Lasa dirixíndose aos rapaces e rapazas participantes, “aprendedes a prepararvos para as caídas e a defendervos dos ataques”, leccións válidas para o momento actual porque, enfatizou, “ímonos levantar desta pandemia unidos”.

O responsable do Deporte galego aplaudiu todas aquelas iniciativas deportivas que seguen en pé a pesar do coronavirus e valorou o esforzo dos directivos que atopan a fórmula para que o deporte non se deteña a pesar das restricións existentes e que debemos cumprir. Neste sentido falou dos deportes de combate, modalidades deportivas de contacto que son unhas das máis damnificadas polas medidas de seguridade e hixiene, e coas que a Xunta de Galicia xa está a traballar no Plan de Reactivación do Deporte Galego, nomeadamente, a través da ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO para identificar todas as situacións de contaxio para acadar un regreso á actividade con todas as garantías.

Así, esta fin de semana, a Federación Galega de Karate vén de organizar tamén a súa primeira competición en liña, un evento virtual alternativo para os deportistas que terían participado no Campionato Galego Infantil cancelado pola crise sanitaria da Covid-19. A modalidade de competición elixida foi a de kata individual A iniciativa tivo unha excelente acollida, rexistrándose unha participación de 88 deportistas pertencentes a 18 clubs das 4 provincias galegas.

Ademais, a Federación Galega de Taekwondo celebrou os campionatos escolares de técnicas e de técnicas de combate, así como o Open de técnicas de combate, todos eles, en liña e coa participación dun total de 475 deportistas.