A alcaldesa reuniuse esta mañá no consistorio co persoal representante do comité de empresa de Alú Ibérica, co fin de escoitar as súas reivindicacións e de apoiar en todo o posible os empregados e empregadas da planta coruñesa de alúmina Empregados/as e representantes do comité de empresa da antiga Alcoa iniciaron hoxe un peche indefinido na sala de exposicións do consistorio ata que o Ministerio de Industria convoque a Mesa Técnica de Industria
A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá co persoal representante do comité de empresa de Alú Ibérica, a antiga Alcoa, co fin de escoitar as súas reivindicacións e apoiar en todo o posible os traballadores e
traballadoras para garantir a viabilidade da planta de alúmina e os seus postos de emprego.
Rey esixiralle ao Ministerio de Industria que convoque a Mesa Técnica de Industria, que xa foi solicitada polo comité de empresa de Alú Ibérica. Tamén lle reclamará á Xunta de Galicia que asuma e exerza as súas competencias en materia industrial e de emprego para a defensa do mantemento da industria en Galicia e, concretamente, a defensa de Alú Ibérica e dos seus postos de traballo, así como “a viabilidade da produción industrial”.
Empregados/as e representantes do comité de empresa da antiga Alcoa iniciaron hoxe un peche na sala de exposicións do consistorio ata que se convoque a Mesa Técnica de Industria “para visibilizar a súa loita”, sinala Rey, quen defende que “é moi importante que neste momento tanto o concello como as administracións esteamos ao seu lado”. A alcaldesa asegura que “o concello defende as súas reivindicacións e sempre axudará a buscar solucións”.