O Goberno galego, a través do CSHG, e as asociacións sectoriais de cada provincia ofrecerán máis de 500 accións formativas sobre seguridade sanitaria
A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, a subdirectora técnica e de planificación do ISSGA, Encarna Sousa Rodríguez e o xefe do servizo de control de riscos ambientais de Sanidade, Javier Ferreras Díez participaron esta mañá nunha videoconferencia con representantes do sector turístico da provincia da Coruña para explicar os catro piares sobre os que se vai a sustenta o Plan de Reactivación do sector turístico en Galicia.
O delegado territorial destacou que “a medida que vamos avanzando na desescalada é prioritario dotar de ferramentas aos distintos sectores económicos para que poidan ter as claves e os protocolos claros sobre os requisitos que teñen que cumprir e sobre as axudas coas que contan para cumprilos”.
O delegado territorial lembrou que “o Goberno galego e o sector turístico traballan no Pacto por un destino seguro, que inclúe unha batería de accións para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais turísticos galegos en materia de seguridade sanitaria, así como apoio económico para adecuarse á situación actual. Trátase dun acordo presentado por parte do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o Clúster Turismo de Galicia e as asociacións sectoriais e profesionais de cada provincia.
Ovidio Rodeiro e directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, destacaron a importancia de garantir que a nosa Comunidade sexa un destino seguro, capaz de ofrecer as máximas condicións de seguridade sanitaria para profesionais e usuarios. Para acadar este obxectivo prevese a posta en marcha dun plan de formación voluntario centrado neste eido e impartido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais. A iniciativa conta cunha oferta inicial de 50.000 prazas en máis de 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás especificidades de cada subsector e de cada área xeográfica.
Trátase dunha oferta inicial, que se ampliará en caso de que sexa necesario co obxectivo de chegar ao maior número de profesionais e establecementos. Os ponentes aclararon que os participantes poderán obter un certificado opcional que acredite o coñecemento de medidas de seguridade sanitaria.
Esta proposta súmase ao servizo de teleformación impartido desde o comezo da crise sanitaria por parte do CSHG para mellorar a capacitación das empresas e profesionais turísticos en aspectos como os idiomas, o márketing ou ferramentas dixitais.
Nava Castro agradeceu ao sector turístico da provincia da Coruña o seu esforzo e compromiso neste novo escenario. Informou, ademáis do novo teléfono gratuíto para o asesoramento do sector e as liñas de apoio económico aprobadas no último Consello da Xunta que, como informou, están dispoñibles na nova web www.turismo.gal/galiciadestinoseguro.
Manuais para os axentes do sector
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo de manifestou o compromiso do Goberno galego por garantir a seguridade sanitaria tanto dos traballadores do sector turístico, como dos viaxeiros e dos propios galegos, a través dunha batería de medidas entre as que destacan a información, formación, asesoramento e financiamento para adaptarse á nova realidade.
Neste sentido calificou de eficaces ferramentas como os máis de dez manuais informativos presentados hoxe ao sector turístico da Coruña e que foron elaborados en colaboración co Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), Saúde Pública e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), así como con representantes do sector e entidades como o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e especialistas como o profesor e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Gestal. Condensan os requisitos obrigatorios establecidos polo Ministerio de Sanidade, as recomendacións elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e outros consellos adaptados aos establecementos galegos para facilitar a súa consulta.
En concreto, disponse xa de manuais adaptados aos restaurantes, hoteis, aloxamentos rurais, albergues, cámpings, balnearios, axencias de viaxes, turismo activo, campos de golf, guías de turismo e oficinas de turismo. Poderanse actualizar en función da evolución do estado de alarma e as diferentes instrucións derivadas do mando único.
Ademais, outro dos piares deste pacto é a creación dun teléfono gratuíto de atención aos establecementos turísticos que permitirá ofrecer asesoramento personalizado sobre recomendacións e medidas de seguridade sanitaria. Este servizo, o número 900 815 334 e o enderezo electrónico info-galiciadestinoseguro@xunta.gal, correrá a cargo dun equipo que resolverá as dúbidas formuladas polos profesionais do sector.
Todas estas iniciativas se enmarcan no programa Galicia, destino seguro, que conta cunha dotación inicial de máis de 6 millóns de euros e que recolle ademais entre as súas medidas apoio económico aos profesionais e establecementos do sector para a adopción de medidas de seguridade hixiénico-sanitarias.
Entidades colaboradoras
Todas estas medidas desenvolveranse en colaboración cos seguintes colectivos e asociacións profesionais e sectoriais: o Clúster Turismo de Galicia, a Unión Hostelera Coruñesa, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Lugo, a Federación de Hostelería de Ourense, a Asociación de Empresarios de Hostelería en Pontevedra, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, a Asociación Provincial de Empresarios da Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela, a Federación Galega de Turismo Rural, a Asociación Galega de Albergues Privados, a Asociación Galega de Campings, a Asociación de Balnearios de Galicia, a Asociación Galega de Axencias de Viaxes, a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e a Asociación Galicia Destino Golf.