Por un importe de 30.255 euros e poden solicitarse ata o 2 de xullo
O Concello de Frades convoca un ano máis as axudas económicas a entidades culturais, deportivas, asociacións de veciños e calquera outra entidade de interese social que fomente a participación cidadá na vida municipal. Unhas axudas que este ano, debido á pandemia da COVID-19, tamén poden ser destinadas para axudar ás asociacións que realicen investimentos para a protección contra o coronavirus ou adquiran materiais de protección (EPIS e outros).
De feito, a declaración do estado de alarma decretado polo Goberno en marzo de 2020 motivou o atraso desta convocatoria, que todos os anos ten lugar nese mes de marzo. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello de Frades antes do vindeiro 2 de xullo. As bases e os impresos de solicitude poden descargarse do BOP de hoxe martes ou na web municipal (www.frades.gal).
As axudas, que contan cunha partida económica de 30.255 euros, están dirixidas a asociacións con ou sen personalidade xurídica, sempre que carezan de fin de lucro, estean inscritas no Rexistro de Entidades ou Agrupacións do Concello de Frades, desenvolvan as súas actividades no termo municipal de Frades, estean ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias co Concello e non teñan pendente de xustificar ningunha subvención anterior concedida polo Concello de Frades.
Gastos subvencionables
O importe das axudas, que poderá alcanzar ata o 100% dos gastos, servirán para
subvencionar:
– Gastos xerais derivados das actividades (transporte, contratación de persoal docente, material inventariable, etc.)
– Obras e melloras de bens inmobles.
– Gastos de funcionamento cando estean directamente vencellados coa realización da actividade ou investimento ata un máximo dun 10% do total subvencionable.
– Traballos realizados por persoal voluntario non remunerado pertencente á asociación (ata un máximo dun 40%).
– E, por primeira vez este ano, obras ou investimentos destinados a adaptar ou dotar aos locais con medidas de protección contra a COVID-19 como mamparas de protección, dispensadores de xel hidroalcohólico, etc.
Na concesión das axudas, o Concello de Frades valorará especialmente o número de persoas beneficiadas por esas actividades, así como a calidade da programación ou a necesidade da obra. Seguen sen ser subvencionables os gastos de manutención e os gastos xerais non vencellados á realización dunha actividade ou proxecto concreto.
As solicitudes deberán ser entregadas no Rexistro do Concello de Frades antes do 2 de xullo (de forma telemática ou presencial) acompañadas da seguinte documentación:
– Solicitude cumprimentada
– Fotocopia do DNI ou CIF
– Certificación do acordo de solicitude de axuda económica e do nomeamento do representante
– Declaración na que se recollan todas as axudas que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas Administracións públicas
– Declaración de atoparse ao corrente no cumprimento coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de presentación da solicitude
– Compromiso de facer constar en todo tipo de información que realice no desenvolvemento da actividade subvencionada, a colaboración prestada polo Concello de Frades
– Programa detallado da actividade ou servizo para o que se solicita a subvención.
– Orzamento de ingresos e gastos da actividade.
– Importe da subvención solicitada.
– Certificación do número de conta corrente da Asociación ou do beneficiario na que se procedera ao ingreso da subvención.
– E, no caso de realización de obras, será preciso entregar a memoria valorada ou proxecto de técnico competente; credencial da titularidade da propiedade; e compromiso de solicitar a licenza e autorizacións correspondentes.
As solicitudes serán resoltas pola Xunta de Goberno Local e as asociacións beneficiarias deberán xustificar os gastos antes do 31 de marzo de 2021..