Resalta o esforzo que está a facer o ecosistema galego de innovación e lembra que unha das primeiras estratexias foi a de impulsar a fabricación de produtos de utilidade na loita contra a covid-19 e que contribúan a incrementar a prevención
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico como elementos clave do tecido tecido empresarial galego para afrontar os novos retos da reactivación económica e social tras a pandemia.
Durante unha visita esta mañá a 3iC Ingeniería y Control, no concello coruñés de Bergondo, Feijóo referiuse a esta empresa, composta principalmente por enxeñeiros e técnicos cunha ampla experiencia no eido da automatización, como exemplo da capacidade do tecido industrial galego para identificar novas oportunidades de negocio e reorientar a súa capacidade produtiva.
Así, e ante o novo contexto socioeconómico que obriga á adaptación dos espazos para que sexan contornas seguras para traballadores e clientes, esta empresa optou por reorganizar a súa produción e apostar por un proxecto centrado no deseño, programación e montaxe de equipos en serie de sistemas integrais de control de temperatura. Uns equipos que empregan un sensor de temperatura infravermello, evitando o contacto entre a persoa e a máquina e preservando así as medidas de hixiene; cun control de acceso que permite asegurar o cumprimento de aforos limitados, e que en caso de que o usuario presente uns parámetros fóra dos normais emiten un aviso sonoro e impiden o acceso ao recinto.
Este proxecto permitiu abrir unha nova rama de negocio; que a empresa recuperase os niveis de emprego, xa que a falta de actividade das factorías durante a pandemia fixo innecesario o traballo de mantementos externos; e incrementar as vendas e a rendibilidade.
Ao longo da visita, o presidente da Xunta quixo resaltar e agradecer o esforzo que está a facer o ecosistema galego de innovación e lembrou que precisamente unha das primeiras accións estratéxicas da Comunidade foi a de impulsar a fabricación de produtos de utilidade na loita contra a covid-19 e que contribúan a incrementar a prevención tanto a nivel sanitario como en materia de seguridade e saúde laboral -cabinas esterilizadoras e respiradores autónomos, biombos, pantallas protectoras, drons para tarefas de desinfección, etc-.
Nesta liña, incidiu tamén na importancia de facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, turismo servizos e transporte, achegando a máxima confianza aos consumidores co apoio da instalación de medidas de protección para traballadores e clientes.