A declaración do Estado de Alarma o pasado mes de marzo tivo, entre outros efectos, a interrupción de toda a actividade sociocultural das entidades. Ademais, a incerteza sobre o comportamento da pandemia e as medidas que se adoptaron para contela tamén impiden que, a día de hoxe, as asociacións do territorio poidan programar como facían outros anos. Incluso a convocatoria de axudas municipais, que a estas alturas do ano xa estaría máis que resolta, nin sequera se chegou a publicar. De todas estas cuestións falarase o mércores ás 19.00h. nunha xuntanza extraordinaria do Consello de Participación Veciñal, convocada como unha primeira toma de contacto entre o Concello e as asociacións para coñecer que previsións teñen as entidades en canto á organización de eventos e ver como se orienta a colaboración municipal para aqueles que se vaian celebrar.
A orde do día deste Consello de Participación Veciñal extraordinario -ao que está chamada a representación de todas as entidades do municipio- ten catro apartados. O primeiro deles refírese ás previsións do Goberno local sobre os orzamentos municipais deste ano. O Concello ten prorrogado o documento de 2019, de maneira que as partidas económicas se manteñen igual que o ano pasado aínda que nun escenario totalmente distinto. De feito, o retraso na aprobación do orzamento permitirá agora redefinir os seus capítulos para adaptalos á nova realidade socioeconómica do territorio.
A reorganización de partidas e de previsións de ingresos e gastos tamén lle afectará ás bases para a concesión de subvencións a entidades sen fins de lucro para este exercicio, xa sexa nos importes ou no procedemento de adxudicación. Porén, antes de adoptar ningunha decisión ao respecto, o Concello quere escoitar a opinión do tecido social e, de acordo co que digan e propoñan as asociacións, establecer un marco de colaboración que se adapte ás súas necesidades.
O titular de Participación veciñal, Manolo Varela, apunta que a convocatoria do consello “é unha primeira toma de contacto para coñecer de que maneira lle afectan as actuais circunstancias ás programacións das asociacións. Pode haber algunhas que queiran seguir adiante con eventos que tiñan previsto, outras que igual teñen propostas alternativas e adaptadas á nova realidade e tamén haberá algunhas que opten por suspender a programación anual mentres non haxa máis certezas sobre a COVID-19 e sobre as medidas preventivas que se deban tomar en cada momento”. Varela aclara que o Concello “quere escoitar” o tecido social para “ver de que maneira se lle pode axudar e, en calquera caso, consensuar coas entidades as bases para a concesión das subvencións, algo que xa viña facéndose nos últimos anos”.
Alén de artellar un sistema acordado para as axudas culturais e deportivas, o Concello tamén ten previsto reeditar o seu programa de descentralización de actividades, que lles ofrece ás asociacións un pequeno catálogo de espectáculos gratuítos para seren programados polas entidades ao longo do ano. Neste sentido agárdase que da xuntanza deste mércores -Casa da Cultura, 19.00h.- tamén xurdan ideas sobre como reconducir as actividades nas actuais circunstancias: “por exemplo, a min ocórreseme que agora, con San Xoán á volta dunhas semanas, as entidades igual poderían facer un labor de dinamización para que as fogueiras se celebren por lugares, como se fixo toda a vida, en vez de reunir a toda a veciñanza nun mesmo sitio. É só unha idea de como se pode reinventar, ou recuperar, a actividade cultural cumprindo ao mesmo tempo coa prevención”, indica Varela.
O encontro do Consello de Participación Veciñal finalizará cunha quenda de rogos e preguntas para que a representación das entidades formulen as cuestións que estimen oportunas.