Friday 22 de November de 2024

A estrada de Touriñán será renovada nun dos proxectos máis necesarios en materia de infraestruturas de todo o municipio


A administración local asinou o convenio coa Autoridade Portuaria, nuns traballos que están previstos que comecen de xeito inmediato.
O Concello de Muxía impulsará a mellora da estada de Touriñán nun dos proxectos máis necesarios en materia de infraestruturas. A Autoridade Portuaria puxo a disposición da administración local a sinatura do convenio, para establecer as ‘actuacións previas á mutación demanial’, segundo indica o propio documento.
O alcalde, Iago Toba, sinala que “será importantísimo para Muxía que un dos espazos con maior atractivo natural e paisaxístico estea ben conectado co noso núcleo urbano”.
A lonxitude da vía é de 11 quilómetros e 480 metros, cun ancho variable entre 4,25 metros e 9,00 metros aproximadamente. Ten comezo na estrada CP-2301, que discorre entre os municipios de Cee e Muxía.
En total, o proxecto suporá un total de 636.014,55 euros, e está prevista a súa execución durante este verán. O rexedor muxián apunta este proxecto como ‘indispensable nun dos puntos clave para a exaltación do noso patrimonio natural, sobre todo no contexto sanitario que estamos a vivir’, sentenciou o rexedor.