Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene establece o protocolo para a atención presencial con cita previa


A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Fene aprobou hai uns días a maneira en que se fará a transición cara á “nova normalidade” nas oficinas e nos distintos servizos municipais. O plan de desescalada que se aplicará nas próximas semanas seguirá priorizando as xestións telefónicas ou por vía telemática, mentres que no Concello e outras dependencias a atención presencial só se prestará con cita previa e con limitación do aforo para garantir a distancia de seguridade entre as persoas usuarias e os traballadores e traballadoras.

A atención presencial ofrecerase, con carácter xeral, entre as 9.30 e as 14.00h., dándolle prioridade ás persoas maiores de 60 anos no horario comprendido entre as 9.30 e as 11.00h. Ademais, as empresas provedoras de subministros deberán cinguirse ao horario de 8 a 9.00h. e cumprir con estrictas pautas de seguridade para entregar as mercadorías.

Polo tanto, para facer calquera xestión no Concello será obrigatorio concertar cita previa por algún dos seguintes medios:
A través da ligazón https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/
Chamando ao teléfono da Casa do Concello: 981 492 707
no correo electrónico citaprevia@fene.gal
ou pedíndoa directamente na conserxaría do Concello
Unha vez que nos dean vez poderemos acudir ao Concello ou a outra oficina -Cultura, Servizos Sociais, etc.- procurando ser puntuais para evitar que se produzan retrasos innecesarios na atención que, ademais, poderían irse acumulando e afectarlle a outras persoas usuarias.

Por outra banda, dentro das instalacións tamén haberá que cumprir certas normas e recomendacións das que nos informarán xa no momento de solicitar a cita:
Se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19 (tose, febre, cansanzo ou dificultade para respirar), non se acudirá ao Concello, aínda que se teña cita concedida. Deberemos quedar na casa e chamar ao 900 400 116 para comunicarlle ao SERGAS a nosa situación.
Dentro das dependencias municipais será obrigatorio usar mascarilla hixiénica ou cirúrxica, que ha de ir correctamente colocada: ben axustada e cubrindo nariz e boca. Deberanse respectar as outras recomendacións preventivas: limpeza de mans -haberá dispensadores de xel hidroalcólico-, non tocar ollos, nariz e boca, nin tampouco quitar a máscara para tusir ou esbirrar.
Recoméndase non permanecer máis de 15 minutos dentro das oficinas municipais. Trátase dunha orientación, xa que ese tempo tamén dependerá da complexidade do trámite que se vaia facer.
Ás oficinas municipais deberá acudir só a persoa que teña asignada a cita previa, sen acompañantes, a menos que se trate de persoas dependentes, que precisen axuda ou que estean en calquera outra situación que xustifique o acompañamento. Deberase informar desa circunstancia xa no momento de solicitar a cita.
Por último, tamén se recomenda non usar o ascensor e, de ser necesario, facelo individualmente.

Como se xestionarán as citas?
Cumprir con dilixencia o programa de citas asignadas suporá un reto para os distintos departamentos municipais. Porén, todo está previsto e organizado e en cada servizo haberá unha persoa engacrada de administrar as solicitudes recibidas por calquera dos medios sinalados algo máis arriba.

A organización da atención presencial atenderá ao espazo dispoñible nas oficinas, á obriga de que se manteñan as distancias interpersoais de polo menos 2 metros e ao número de traballadores ou traballadoras que haxa en cada momento, posto que nas próximas semanas o Concello seguirá mantendo unha parte do persoal con teletraballo.

A persoa responsable da xestión de citas de cada departamento comunicaralle ao control de acceso as veces concedidas e os horarios concertados. No caso de que o persoal de control de acceso detecte un aforo superior ao recomendado para manter a distancia mínima, poñerase en contacto co departamento afectado para poder reprogramar as citas.

O resto de dependencias municipais -servizos que estean fóra da Casa do Concello-xestionarán o sistema de cita previa a través da persoa designada, asegurnado o aforo de para limitar así o contacto físico entre as persoas. Igualmente poderán habilitar instrucións específicas adaptadas ao seu servizo.

O sistema de citas previas con limitación da afluencia ás dependencias municipais manterase, como mínimo, durante as fases da desescalada decretadas polo Estado e seguindo o protocolo de transición aprobado hai uns días pola Mesa Xeral de Negociación do Concello de Fene.