O Concello de Ribeira informa da licitación dunha nova actuación consistente na mellora da envolvente térmica da antiga escola unitaria de Corrubedo e o seu acceso: unha intervención arquitectónica cuxo orzamento ascende a 149.907 euros, IVE incluído, que supón a segunda fase para a remodelación deste inmoble que hoxe opera como centro social, logo das obras de ampliación efectuadas na súa parte traseira.
Segundo o proxecto técnico elaborado, as obras a realizar inclúen:
• A colocación dun sistema multicapa SATE ou similar con 8 centímetros de illamento térmico, composto por pranchas de poliestireno expandido de 80 milímetros de espesor, suxeiras mediante fixación mecánica e posterior colocación de malla de fibra de vidro embebida en capa de morteiro seco mineral e acabado fratasado con pintura acrílica.
• Mellora do illamento do espazo baixo cuberta e renovación de caños e baixantes de cuberta.
• Carpintería exterior: substitución da carpintería exterior empregando aluminio anodizado.
• Mellora do espazo exterior de entrada ao edificio: a tal efecto aplicarase un pavimento de pedra silvestre abuxardada para mellorar as condicións de seguridade de acceso peonil así como as súas características ambientais. Prevese un pequeno espazo axardinado no lateral sur.
O prazo de execución son seis meses. O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2019 da Deputación da Coruña.
As empresas interesadas dispoñen ata o 9 de xuño para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).