Friday 22 de November de 2024

A Xunta financia 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña das cales 3 son de nova creación


Un total de 48 concellos coruñeses contan con este servizo, ao que se destinan máis de 771.000 euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución da Consellería de Política Social en relación coa orde de axudas para a posta en marcha da rede galega de atención temperá. O representante do goberno autonómico informou que a Xunta financia 11 centros de atención temperá na provincia da Coruña cunhas achegas de máis de 771.000 euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de axudas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da nosa comunidade.

“Do importe total das axudas da Xunta para estas unidades, apuntou Ovidio Rodeiro, a provincia da Coruña recibe unha achega que supera os 771.000 euros e haberá 3 unidades de nova creación, a agrupación compartida de O Pino, Touro, Boqueixón e Vedra e as unidades individuais de Sada e As Pontes de García Rodríguez”

Ademais manteranse as unidades compartidas polos municipios de Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Zas e Vimianzo; a agrupación de Padrón, Dodro e Rois; a agrupación de Abegondo, Bergondo e Carral; a unidade de Noia, Lousame, Outes, Muros e Porto do Son; a agrupación de Pobra Ribeira e Boiro; a unidade de Fene, Ares, Cabana, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño; a agrupación de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo e a unidade de Santa Comba e a Baña.

O delegado territorial destacou que rede galega de atención á infancia dispón tamén de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Prevención de trastornos
As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.