Friday 22 de November de 2024

Atlético Ribeira e Sálvora selan o acordo para fusionarse e crear o Cidade de Ribeira


Os clubs Atlético Ribeira e Sálvora Club de Fútbol selaron o seu acordo para proceder á súa
fusión e crear como resultado o Cidade de Ribeira Club de Fútbol. Hoxe no salón de plenos no consistorio e ante a presenza do alcalde Manuel Ruiz deron a coñecer este acordo. Ruiz Rivas agradeceu este paso e manifestou que esta agardada noticia permite unha vella aspiración como é poder levar adiante unha estrutura de base moito máis sólida e beneficiosa para os rapaces. “Lonxe de estas tristes por perder dous clubs, creo que debemos estar alegres porque o que estamos é intentar que haxa un club
representativo da nosa cidade”. Ademais, dáse a posibilidade a todos os clubs do municipio de integrarse nesa formación de base, que estará coordinada e supervisada dende o Real Club Celta de Vigo.
O presidente do Sálvora, Ramón Martínez, salientou que era unha decisión que se ía xestando xa dende a tempada pasada, pois era a mellor maneira para que aqueles rapaces que quixeran progresar non
se foran a outros equipos foráneos. Tamén subliñou que o novo escudo do Cidade de Ribeira buscará ser unha fusión dos escudos dos dous clubs que, entre aspas, perden a súa identidade, mentres que a camisola levará as cores da bandeira do municipio.
Andrés Martínez en representación do Atlético Ribeira expresou o desexo de que toda a xente do concello se sinta identificado con este novo club e que os nenos e nenas de todos os sitios aspiren a xogar nel e sexa para eles un orgullo. “O pobo de Ribeira necesitaba isto para non quedar atrás do resto de concellos de Galicia”, declarou.
Manuel Ruiz avanzou que as bases das axudas deportivas que concederá o Concello o ano que vén primarán a fusión entre clubs e animou a que a veciñanza respalde este proxecto facéndose socia e
acudindo ao campo.