O alcalde de Santiago indicou en rolda de prensa que se vai aplicar o regulamento municipal sobre o mercado de Salgueiriños, polo que se vai ordenar a ocupación do espazo do recinto. “Ímonos esforzar por facer un mercado ordenado e de calidade”, no que só se poderán instalar aqueles/as comerciantes que conten coa pertinente autorización municipal, apuntou Xosé Sánchez Bugallo.
En palabras do alcalde, a situación derivada da COVID-19 “estanos obrigando a ordenar cousas que estaban moi desordenadas”. Neste sentido, lembrou que o funcionamento do mercado de Salgueiriños vén marcado por un regulamento municipal de 2006, modificado en 2013, pero que “nos últimos anos, os gobernos municipais renunciaron a xestionar Salgueiriños”. Así, situou en torno aos 60 postos os que nos últimos oito anos viñan dispoñendo de autorización municipal, operando o reto sen licenza e provocando un “caos organizativo”.
A maiores da propia carencia de licencia, puxo como un exemplo de desorganización o estacionamento de vehículos a carón dos propios postos do mercado, cando existe ao carón do mercado “un estacionamento cunha tarifa de 1,5 euros ao día”. “Pero iso acabouse”, indicou con rotundidade.
Segundo o rexedor, a día de hoxe, hai 65 comerciantes que solicitaron autorización provisional. A estes, por ter respectado os prazos e o regulamento, “respectaráselle o seu dereito” e, de acreditar o cumprimento de todos os requisitos, recibirán a súa autorización definitiva. Os que aínda non cumpran os requisitos – cuxa cifra situou en torno á metade dos 65 solicitantes- terán un prazo de 30 días para solucionar as carencias.
En canto ao resto de postos, anunciou que na Xunta de Goberno deste luns se estudará o prazo para tramitar as solicitudes fóra de prazo, que estimou se abrirá “ata o 16 de xuño”. Tramitaranse as autorizacións por orde de presentación, sempre que cumpran os requisitos. En calquera caso, lembrou que, coas distancias e medidas de seguridade esixidas na actualidade a raíz do COVID-19, “só entran 104 postos”, polo que “se poderán atender 39 solicitudes, salvo que algunha das provisionais non cumpra os requisitos”.
Unha vez que as medidas de seguridade cambien, o Concello estudará as posibilidades de ampliación, pero insistiu en que “alí non se vai instalar ninguén sen autorización”. Recordou que existe a posibilidade de solicitar unha autorización anual –para a que se flexibilizará o pago- ou semanal, que debe solicitarse con cinco días de antelación co abonamento dunha pequena taxa.
Preguntado por posibles medidas, como maiores facilidades de estacionamento para os/as clientes, o alcalde lembrou que en Salgueiriños “hai unha oferta de estacionamento mellor que a que dispón o resto de comercio de Santiago”, en referencia aos establecementos do Ensanche ou do Casco Histórico, pero tamén ás áreas comerciais, nas que “os comerciantes son os que pagan o parking”. De todas formas, indicou que se vai estudar “unha tarifa especial para o estacionamento de Salgueiriños”, ao igual que a posibilidade dun “incremento nas frecuencias dos autobuses urbanos”, pero insistiu en que “hai que facer un esforzo para conseguir un mercado máis ordenado”.
Axudas a hostalería e comercio
O alcalde tamén aproveitou a rolda de prensa para anunciar que na Xunta de Goberno deste luns se aprobará a convocatoria de axudas para a hostalería e que, nunha sesión extraordinaria prevista para o venres próximo, se dará o visto bo á convocatoria de axudas para as asociacións de comerciantes.
Lembrou que, neste momento, o Concello ten en marcha cinco programas de apoio a comercio, micropemes e autónomos coas súas convocatorias abertas, ás que sumou a do Consorcio destinada ao comercio da zona histórica. Tamén citou a campaña “Eu merco aquí”, xa en marcha; a festa do comercio que se celebrará do 25 ao 27 de xuño; ou a campaña de tíckets de estacionamento, que se prevé iniciar en breve.
Recuperando o pulso
Ademais, Sánchez Bugallo valorou que a cidade vaia “recuperando o pulso”, con “pasos firmes e ben dados” en sectores como a hostalería ou o comercio e en ámbitos como a circulación ou o transporte urbano. Como exemplo disto, puxo a “responsabilidade” coa que a hostalería está actuando no respecto ás normas de seguridade, tras as dificultades do primeiro fin de semana, ou a “boa resposta” que globalmente está tendo o comercio, coa excepción, loxicamente, do comercio vinculado ao turismo.
Ingreso mínimo vital
Outro dos temas ao que se referiu o alcalde foi o ingreso mínimo vital, aprobado este venres polo Consello de Ministros. Afirmou que era unha “necesidade imperiosa” e o Concello agardará á publicación das condicións desta prestación para adoptar medidas no ámbito municipal e avaliar a súa incidencia e aplicación na poboación compostelá.
Neste sentido, lembrou o “esforzo extraordinario” que está facendo o Concello na actualidade “garantindo o apoio ás familias en situación de vulnerabilidade”. A día de hoxe, dixo, hai 1.396 familias acollidas ao tícket especial de compra (3.473 persoas); 28 familias percibindo a renda social municipal e 248 nenos e nenas beneficiarios do servizo de comedor escolar.
Canteira de Miramontes
Finalmente, preguntado pola canteira de Miramontes, reiterou que a postura do Goberno municipal é pública. “Queremos que se peche, pero a competencia non é municipal, senón autonómica, e a Xunta, ata o momento, considera que cumpren a normativa legal. Hai recursos xudiciais ao respecto e estaremos ao que digan os tribunais”.