Friday 22 de November de 2024

Bares e restaurantes en Padrón estarán exentos de pagar as taxas das terrazas durante este ano


 

A corporación local aprobou esta medida extraordinaria en sesión plenaria para axudar á reactivación da economía da vila

O Concello de Padrón acordou en sesión plenaria que todos aqueles negocios aos que se lles autorizase ou se lles autorice o uso de espazos públicos con mesas, cadeiras e toldos con finalidade lucrativa, quedarán exentos durante o 2020 do pago das taxas correspondentes. Todos os empresarios da vila poden adherirse a este beneficio que ten como obxectivo paliar os efectos da crise da Covid-19 durante este exercicio. Respecto ao vindeiro ano, 2021, os establecementos de hostelería deberán presentar unha solicitude, acreditar que non teñen débedas pendentes co Concello de Padrón e devengar a taxa ao principio da ocupación como depósito previo para que esta medida extraordinaria de apoio se poida renovar ou autorizar. O equipo de goberno do Concello de Padrón levou esta proposta á sesión plenaria como medida extraordinaria para axudar aos empresarios e comerciantes da vila a sair adiante despois de varios meses sen actividade. Así, a iniciativa enmarcase dentro do Plan de reactivación para o comercio e o turismo que está desenvolvendo o Executivo. O alcalde de Padrón explicou que o seu equipo “está afanado na busca de solucións e medidas para reactivar a economía da vila. Estamos a disposición da poboación de Padrón para todo o que precisen para superar a situación económica e social derivada desta pandemia global”.

Gastos Sociais derivados da crise da Covid-19
Coa vista posta nas necesidades da veciñanza padronesa, o pleno da corporación de Padrón tamén deu luz verde ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal -POS+ Adicional 1/2020- para facer fronte aos gastos sociais extraordinarios derivados da crise da Covid-19. Padrón recibirá preto de 58.000 euros para reforzar os gastos dirixidos á atención de proximidade de persoas maiores, de persoas con discapacidad e de persoas dependentes, así como para adquirir medios de prevención e cubrir as necesidades básicas das familias máis vulnerables do concello. Do mesmo xeito, tamén se aprobou a solicitude dunha achega provincial de preto de 123.000 euros para unha obra de saneamento, e máis de 6.000 euros para gastos correntes. Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía
Neste pleno tamén se deu luz verde a adhesión do Concello á iniciativa europea do Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía que persegue a sustentabilidade enerxética e a adaptación ao cambio climático da vila de Padrón. Esto conleva o compromiso do rexedor para reducir as emisións de CO2 en como mínimo un 40%, a firme decisión de traballar na promoción de medidas para a adaptación ao cambio climático mediante a creación de plans de acción, a proposta de elaboración dun inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos derivados do cambio climático. En definitiva, o compromiso concretase no desenvolvemento dun plan con accións e medidas concretas, e coa promoción para a sensibilización social cos problemas medioambientais.
“Hoxe o medioambiente, a sustentabilidade e a loita contra o cambio climático deben ser prioridades de todos os gobernos, e a todas as escalas. A adhesión a este Pacto é unha mostra máis do noso compromiso real con esta problemática global”, apuntou Antonio Fernández Angueira.

Acordo para a defensa contra os incendios forestais
Na mesma xornada, no Concello de Padrón ratificouse a aprobación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais. Trátase dun convenio co que se facilitará a cooperación entre administracións e que, sobre todo, busca garantir a prevención de incendios forestais nas zonas de interface urbana. “Este tipo de convenios que fomentan a colaboración son moi interesantes, posto que a finalidade sempre é o ben común, e neste caso o noso obxetivo é garantir a seguridade da cidadanía e dos seus bens”, explicou o rexedor de Padrón na sesión plenaria do mes de maio.