Friday 22 de November de 2024

Unanimidade na aprobación dos dous plans adicionais da Deputación da Coruña para gastos sociais derivados do Covid 19 e nos gastos correntes


No primeiro caso a Deputación da Coruña outorga a Ordes máis de 66.000 € e no segundo máis de 248.000 €. O consenso entre todas as forzas para reducir as consecuencias da pandemia do COVID-19 marcou o pleno extraordinario que tivo lugar telematicamente.

O pleno extraordinario de Ordes no que se abordaron varios plans adicionais do POS+ da Deputación da Coruña (POS+ Adicional 1/2020 e POS+ Adicional 2/2020) estivo marcado polo acordo unánime de todas as forzas políticas (PP, BNG, UXO, PSOE).

O ente supramunicipal outorgará un total de 66.254,73 € ao Concello de Ordes destinados a “gastos sociais extraordinarios derivados do Covid 19 dentro das medidas urxentes extraordinarias para facer
fronte ao impacto económico e social da dita crise (BOE núm. 73 de 18 de marzo de 2020 e BOE núm. 91 de 1 de abril de 2020)”. Unha partida que segundo se indica no anexo correspondente no caso de Ordes será destinada á adquisición de medios de prevención (EPI). Cada un dos voceiros da corporación valorou positivamente esta medida, que suporá unha axuda e un aforro para as arcas municipais.

En relación con Plan Provincial de Cooperación para as Obras e Servizos de Competencia Municipal Adicional (POS+ Adicional 2/2020) a Deputación concede unha achega de 248.455,23 € ao municipio de Ordes. Cartos que irán destinados integramente para gasto corrente e así sufragar os distintos servizos, especialmente aqueles que reflicten déficit nos orzamentos municipais.

Neste eido as contan detallan unha previsión de gasto para o vixente ano de 1.376.910,22 € (limpeza viaria: 208.395,41 €; recollida domiciliaria de lixo: 375.505,66 €; servizo público de subministración
eléctrica: 249.450 €; mantemento dos accesos aos núcleos de poboación 100.000 €; biblioteca: 47.103,88 €; parques públicos 30.000 €; tratamento de residuos: 366.455,27 €). Considerando que os ingresos previstos (públicos ou privados) son 575.068,53 €, a estimación total de gasto corrente a financiar polo Concello en 2020 ascende a 801.841,69 €.

O terceiro punto na orde do día foi a proposta de Alcaldía para instar ao Goberno de España a garantir a autonomía das entidades locais na xestión dos seus recursos foi o último punto da orde do día.
Unha alegación baseada nos artigos 137 e 142 da Carta Magna, así como na regulación lexislativa. Este é o caso da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, en cuxo artigo 105 se establece “a dotación ás Facendas locais de recursos suficientes para o cumprimento dos fins das entidades locais”.

No texto presentado e defendido pola voceira do Goberno local, Susana García, critícase “o impagamento inxustificado do IVE do mes de decembro de 2017”. Tamén o acusa de pretender apropiarse do superávit do ano 2019 xerado polas entidades locais, así como dos recursos depositados en entidades bancarias. En total o Ministerio de Facenda cifra en 31.839 millóns de euros esta cantidade.

Deste xeito solicítaselle ao Goberno central “non apoderarse dos aforros das entidades locais” valéndose do estado de alarma proclamado, “respectando as leis que lles garanten a xestión dos seus
recursos”. Entre outros puntos tamén se reclama “unha maior flexibilidade das regras para poder facer uso dos superávits de cara a poder implementar servizos e medidas contra a pandemia”. No caso de
“pretender modificar algunha lei desta índole” demándase “que se leve a cabo a través do Congreso dos Deputados”.

Na súa quenda de palabra Pablo Vidal (BNG) amosou a súa contrariedade “a que sexa o partido que sacou adiante a Lei Montoro o que faga tal petición”. Vidal destacou que o mellor para permitir que as
entidades locais poidan xestionar ao seu criterio os seus recursos propios é a “derrogación” da dita lei, “que obriga a pagarlles aos bancos antes que investir na xente”.

Pola súa banda, Fernando Viqueira (PSOE) mostrouse “partidario ante toda medida que contribúa a paliar as consecuencias negativas da pandemia”, e incidiu na importancia de deseñar “medidas de conciliación. Especialmente aquelas orientadas aos fogares con rapaces e rapazas en idade escolar onde ambos os proxenitores traballan”.

Susana García lembrou o incremento orzamentario aprobado e aplicado pola Xunta de Galicia ante a actual situación de crise sanitaria e económica e defendeu o modus operandi do seu partido. “Nós non somos os que teñen que sufragar o déficit público provocado polo estado e que por primeira vez dende o ano 2012 se viu incrementado”, asegurou.

Este pleno extraordinario celebrado onte, mércores 27 de maio, tivo lugar de forma telemática debido ao estado de alarma vixente.
Transmitiuse a través da canle de Youtube habilitada polo Concello de Ordes, así como a través da APP e da emisora municipal.