Sunday 24 de November de 2024

Educación licita por case 900.000 € a rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (Muros)


Ovidio Rodeiro explicou que o obxectivo é poder comezar as obras durante o verán e terá un prazo de execución de tres meses

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coa alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo para informar da licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Ramón de Artaza y Malvárez (Muros), por un importe total de 892.379,99 €. Na reunión participaron tamén representantes do equipo directivo e da Anpa do centro escolar e responsables do proxecto da Xunta para explicar a actuación prevista neste centro educativo.

Ovidio Rodeiro informou que está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS, e sobre falso teito con paneis de la de roca na sala de audiovisuais e no comedor. Ademais cambiarase a cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano no edificio principal, na sala de audiovisuais e no comedor, e colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as caixas de persianas e as persianas que se considere necesario por outras de aluminio con illamento térmico interior; e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en zonas comúns e aseos.

Por outra parte o programa de necesidades inclúe a reparación e pintado dos paramentos interiores, o pulido e abrillantado do pavimento de terrazo e a renovación dos falsos teitos das aulas da planta segunda e colocación de falsos teitos novos no resto de aulas e espazos docentes. A maiores está prevista a reforma da antiga casa do conserxe para ampliación do comedor, con incorporación de aseo.

O delegado territorial destacou “o importante esforzo que se está facendo desde a Xunta de Galicia para reactivar as obras, xa que neste momento ademais de seguir xestionando a crise sanitaria é urxente reactivar a actividade económico, algo perfectamente compatible e moi necesario”.