Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene achégalle alimentos e produtos básicos a 44 familias en situación de vulnerabilidade


A repercusión social da COVID-19 provocou no caso de Fene un incremento nas solicitudes de asistencia aos Servizos Sociais municipais para a cobertura das necesidades máis básicas. Se antes da crise sanitaria se atendía unha media de 20 familias nunha situación de vulnerabilidade socioeconómica, agora o número achégase ás 50, a quen o Concello lles achega vales semanais para a adquisición de produtos frescos ao tempo que se lles entregan lotes doutros non perecedoiros. Ao dispositivo de emerxencia posto en marcha xa desde os inicios do Estado de Alarma agora sumouse a Asociación Dignidad, quen se encarga da loxística e da distribución da axuda tralo estudo de cada caso por parte das traballadoras sociais municipais.

A declaración do Estado de Alarma en todo o país produciuse poucas semanas despois de que a Xunta prohibise por razóns sanitarias a actividade da Fundación Amigos de Galicia, quen colaboraba co Concello de Fene na atención das necesidades básicas das familias con menos recursos. A crise obrigou ao Concello a asumir en solitario a asistencia de todos eses casos, contando nos momentos máis duros do confinamento cunha implicación total do persoal de Servizos Sociais, do Servizo de Axuda no Fogar e tamén da agrupación de voluntarias e voluntarios de Protección Civil.

En circunstancias normais o Concello de Fene viña prestándolle axuda a entre 18 e 20 familias que, a raíz da nova situación, foron subindo en número pouco a pouco ata chegar nestes momentos a unha media que varía entre as 40 e 50. De feito, a semana pasada foron 44 os núcleos que dispuxeron de asistencia municipal coa colaboración da Asociación Dignidad. A entidade e mailo Concello asinaron un convenio para darlle unha resposta inmediata a situacións “que estiveron medrando nas últimas semanas, aínda que agardamos que a progresiva volta á normalidade tamén signifique unha redución no número de casos ou polo menos que se estabilicen”, explica a concelleira da área, Mari Carmen Martínez.

A través de Dignidad -e tras un estudo previo por parte das traballadoras sociais municipais- ás familias entrégaselles un vale semanal para a adquisición de alimentos ou outros produtos básicos. A contía parte de 20€ e vaise incrementando de cinco en cinco euros por cada membro da unidade. Aínda que as familias poden administrar os vales de acordo co que precisen mercar en cada momento, desde o Concello recoméndaselles que se utilicen para produtos frescos, posto que a Asociación Dignidad tamén lles entrega a maiores lotes de produtos non perecedoiros ou cun longo período de caducidade, como por exemplo pasta, legumes, patacas, aceite, leite, ovos, cacao, galletas, etc. “As bolsas levan produto variado e adaptado ás necesidades de cada familia, que logo complementa a compra con carne, peixe, friames, iogures, verdura e outros alimentos ou artigos de primeira necesidade adquiridos co vale canxeable no Gadis”.

Por outra banda, o Concello de Fene tamén recibiu unha doazón da Asociación Airiños de Fene que se dedicou especificamente á merca de cueiros e comida infantil.

O acordo suscrito coa Asociación Dignidad ten unha duración de tres meses e unha contía de 16.000 euros. O Concello pretende con este acordo “garantir unha cobertura inmediata das necesidades de aquelas persoas e núcleos familiares que se encontran nunha situación máis vulnerable”. Tan pronto como a situación se normalice, o consistorio valorará a continuidade do convenio, a súa adaptación ás novas circunstancias ou ben a procura doutras fórmulas “que respondan á realidade social posterior á crise sanitaria”.