Friday 22 de November de 2024

O Goberno local de Fene acorda co persoal do Concello o proceso de volta á normalidade dos servizos municipais


 

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Fene reuniuse este xoves pola mañá para avaliar a proposta do equipo de Goberno sobre a transición á nova normalidade nos distintos servizos municipais. O cadro marca tres momentos desde agora até o 22 de xuño para ir retomando progresivamente a actividade presencial nos departamentos que ata agora estiveron funcionando principalmente con teletraballo. A fórmula a distancia non se abandonará por completo, senón que continuará “até nova instrución” despois da Fase 3 da desescalada para unha parte do persoal. A proposta deseñada polo executivo local foi respaldada polos representantes dos distintos servizos.

O Plan para a transición á nova normalidade do Concello de Fene encádrase nos parámetros preventivos e de volta á actividade do plan de desescalada estatal, así como na normativa que se foi publicando no BOE durante as últimas semanas relativa á paulatina reactivación de servizos nas Administracións públicas.

A partir deste marco xeral, o Goberno local e o persoal acordaron ir dando pasos de semana en semana partindo dunha programación que alenta a capacidade de autoorganización de cada departamento e a súa coordinación cos demais.

Así, como liñas mestras definiuse, en primeiro lugar, que o equilibrio entre traballo presencial e remoto responderá ás necesidades de cada servizo ou departamento. Tamén se marca como “prioritario” o teletraballo para persoal con dereito a conciliación ou ao coidado de persoas maiores. As circunstancias serán valoradas en cada departamento como paso previo á súa autorización por parte da Concellaría de Persoal.

O programa municipal sinala que o Servizo de Prevención e Riscos Laborais ha de emitir un informe individual do persoal de risco coa finalidade de reforzar nos seus postos as medidas de prevención, adaptación e protección e, en calquera caso, a súa incorporación presencial reservaríase para a última fase da desescalada no seo do Concello.

Por outra banda apúntase que aqueles servizos con características específicas -Museo do Humor, Casa da Cultura, Biblioteca, Arquivo, Cemiterio…- aplicarán as directrices das autoridades sanitarias aos seus protocolos particulares de funcionamento que deseñe a persoa responsable de cada servizo.

No caso de servizos considerados esenciais -Policía Local, recollida do lixo ou Obras e Servizos, que non pararon en ningún momento- o traballo seguirase desenvolvendo nas mesmas condicións, independentemente da entrada en vigor do protocolo avalado pola Mesa Xeral de Negociación.

Reactivación en catro fases
Tomando como base este marco estratéxico, o Goberno local propuxo catro fases nas que ir adaptando o funcionamento municipal á nova realidade que virá trala pandemia.

A fase preliminar, comprendida entre este xoves 28 de maio e o luns 8 de xuño, centrarase no traballo en cada departamento para reorganizar espazos con distancias de seguridade e programar tanto as quendas de traballo presencial como o desenvolvemento de funcións a distancia naqueles casos prioritarios. Ao remate deste período deberá estar xa definido ese esquema de traballo e o cronograma das sucesivas reincorporacións.

A primeira fase de volta á normalidade manterase a partir do 8 de xuño e até o 15 de xuño. A persoa responsable do departamento volverá ao seu posto no Concello para organizar o traballo -aínda que logo poida regresar ao seu labor a distancia- contando con aproximadamente o 30% do persoal técnico ou administrativo, xa sexa coas mesmas traballadoras ou mediante quendas. Iso si, o servizo do que se trate sempre ha de contar con polo menos unha persoa exercendo as súas funcións de maneira presencial. O resto continuará teletraballando.

A segunda fase, a partir do 15 de xuño, recolle a incorporacón do persoal con despacho propio ou con posto no que se garanten os 2 metros de distancia. O departamento deberá estar xa a un 30% de forma presencial -pode suplirse por quendas-, mentres que o resto de persoal seguirá co traballo a distancia.

A terceira fase, despois do 22 de xuño e ata que se definan as condicións de funcionamento do Concello dentro da “nova normalidade” postcrise, será xa cos departamentos e servizos traballando a un 50% de maneira presencial, ben coas mesmas persoas ou mediante quendas. As demais seguirán con teletraballo.

Todo este proceso de reactivación presencial dos servizos e de adaptación ás medidas preventivas irá precedido de estrictas medidas de protección para o persoal, xa definidas no “Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV 2” do Concello de Fene. Neste sentido incidirase na avaliación de cales son os postos con maior risco, no uso de equipamento de protección individual axeitado e na observancia das medidas preventivas establecidas no propio procedemento, así como as que poidan esixir as autoridades sanitarias.