O proxecto “San Sadurniño en flor”, co que se pretende engalanar o concello con plantas e flores, parece que vai ser un éxito. Así o testemuñan as máis dun cento de peticións de planta recibidas ata o mediodía deste mércores pola área de Desenvolvemento local, quen entregará os lotes noutros tantos domicilios a partir da semana que vén co obxectivo de que os utilicen para adornar fiestras, balcóns, xardíns… ou para armar unha composición ben vistosa coa que optar a un dos 30 premios que se ofrecen. Porén, o número de participantes seguramente sexa aínda maior, posto que o prazo para pedir as plantas completamente de balde finaliza este venres. Quen aínda non solicitase as súas pode facelo mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.
“San Sadurniño en flor” é un proxecto con dúas vertentes. Dunha banda está a recuperación da esencia da Feira da Plantación do mes de abril suspendida neste ano en que faría a súa 25ª edición e, doutra, apoiar aos viveiros e empresas do municipio relacionadas co sector primario. No primeiro caso encargaranse de subministrar os lotes de planta que se entregarán nos domicilios e no segundo achegarán os produtos adquirdos polo Concello para dotar os premios.
Ademais, con esta iniciativa tamén se pretende que San Sadurniño entre no circuíto estatal “Vilas en Flor” xestionado en Galicia pola Fundación Juana de Vega.
“San Sadurniño en flor” proponlle á veciñanza engalanar as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios de todo o concello. O departamento de Desenvolvemento local, en colaboración con Vivergal e outros viveiros da zona, axudaralle á veciñanza a iniciar o seu proxecto decorativo levándolle á casa completamente de balde un pequeno lote de plantas de temporada. O reparto entre as persoas inscritas no certame farase entre o 1 e o 12 de xuño.
Unha vez que reciban as plantas deberán pensar onde colocalas e como facer que queden o máis lucidas posible. A recomendación que se fai é deixarse botarlle imaxinación e poñelas en lugares que se vexan ben desde a vía pública, tendo en conta que o lote facilitado polo Concello tamén se pode combinar con máis flores e variedades de planta. Tamén se aconsella engadirlle ao conxunto outros elementos decorativos: material reciclado, un caldeiro de zinc, unha caixa de madeira decorada, unha xardineira, etc.
Unha vez que se teñan os espazos decorados deberánselles sacar dúas ou tres fotos que, logo, haberá que enviar ao Concello por correo electrónico ou por whatsapp antes do 22 de xuño, indicando na mensaxe o nome e o enderezo da persoa participante.
Un xurado formado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos fotografados e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios para as tres categorías: 10 lotes de produtos para as mellores composicións florais de exterior, 10 para as xanelas/balconadas máis floridas e outros 10 para os patios/peches/xardíns máis vistosos.
Cómpre bulir, xa que o último día para solicitar as plantas gratuítas finaliza este venres ás 14.00h. Débese chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no asunto “San Sadurniño en flor”, ademais do nome, os apelidos, o enderezo e un teléfono de contacto. Esas dúas vías tamén serán as empregadas para recibir as fotos das composicións.
Até a media tarde deste mércores -a día e medio do remate do prazo- solicitaran planta un total de 108 persoas. O maior número de peticións producíronse en San Sadurniño -46-, seguida de Naraío con 24, Lamas con 11, 9 en Bardaos, 8 procedentes de Santa Mariña, 7 desde Igrexafeita e 3 de Ferreira.
O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, asegurou estar “sorprendido” pola resposta da convocatoria lanzada hai dúas semanas escasas. Varela confía en que nestas últimas horas de prazo “seguramente se reciban aínda máis peticións”. O concelleiro tamén agarda que no tempo que falta “se incremente a participación daquelas parroquias que nestes momentos rexistran menos peticións”.