A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que a cidade está recuperando a súa actividade, pero “o risco de contaxio segue e cómpre extremar as precaucións e as medidas de hixiene e seguridade”
Con motivo da declaración de loito oficial do Goberno central en memoria das persoas falecidas pola pandemia da COVID-19, acordada polo Real decreto 538/2020, a Corporación municipal gardou un minuto de silencio fronte ao Pazo Municipal de María Pita. A alcaldesa, Inés Rey, recordou que o
Concello da Coruña xa adoptou declarar o pasado 4 de maio como día de loito oficial na cidade polas vítimas, pero “quixemos facer esta homenaxe a todas e todos os falecidos”.
Sinalou que o risco de contaxio segue, polo que “cómpre extremar as precaucións e as medidas de hixiene e seguridade” e destacou que a recuperación de actividade xa é visible na cidade coa apertura de comercios e locais de hostalaría: “Sen limitacións de franxas horarias para as saídas, imos saíndo pouco a pouco do letargo en que estivemos sumidos e acadando a normalidade”. Canto ás consecuencias económicas do estado de alarma, Rey apuntou que “a crise xa se sabía que viría. Por iso, estamos traballando para sacar adiante o Plan de reactivación económica e social da Coruña (Presco) co fin de paliar os efectos da crise e que os sectores máis afectados a superen coa axuda da Administración.