Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño leva a pleno a aprobación definitiva do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios


 

O pleno ordinario do mes de maio está fixado para as 19.30h. deste xoves. Será unha sesión na que se combinará a asistencia presencial e telemática e que, ademais, se transmitirá ao vivo por internet por primeira vez na historia do Concello. Os puntos principais refírense á dación de contas sobre resolucións adoptadas pola alcaldía desde o pleno anterior -entre elas catro referidas a obras- e tamén o sometemento á valoración da corporación do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais. Trátase dun documento que define as faixas secundarias de protección arredor dos núcleos e equipamentos que, trala súa aprobación, servirá de referencia para acometer as rozas e cortas preventivas. Unha obriga que deberán cumprir as persoas titulares ou propietarias dos terreos afectados antes do 16 de xullo e que, chegado o caso, tamén poderá efectuar o Concello de maneira subsidiaria.

Unha das partes máis importantes do plan é a cartográfica. O documento contén mapas de todo o territorio nos que aparecen reflectidos os núcleos de poboación e outras instalacións ou infraestruturas, como estradas, ferrocarril, equipamentos críticos ante eventuais incendios como gasolineiras ou centros de transformación, etc.

A normativa sobre prevención de incendios obriga a manter esas zonas limpas de biomasa vexetal, asegurando unha faixa perimetral de polo menos 50 metros libre de maleza e de especies pirófitas, entre elas eucaliptos, piñeiros e acacias. O plan municipal que se leva este xoves a pleno vén aclarar sobre o papel e de maneira moi visual o alcance desas faixas perimetrais co obxectivo de que as persoas propietarias ou titulares dos terreos saiban por onde deben ter rozado e libre de árbores amigas do lume.

O documento redactouse dentro dun convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a FEGAMP e SEAGA de cara a establecer un sistema de xestión de biomasa nas faixas secundarias. A empresa pública dependente da Consellaría do Medio Rural fixo a delimitación cartográfica e unha proposta do plan que se aprobou con carácter inicial no pleno municipal do mes de xaneiro. O documento estivo exposto ao público sen que se presentasen achegas ou alegacións e, xa no mes de abril, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou favorablemente sobre o seu contido.

Agora o que toca é propor a súa aprobación definitiva, algo que se votará mañá no pleno. Se o asunto prospera, o plan entrará en vigor de forma inmediata e solicitaráselle á Xunta que faga público o visor cartográfico para o acceso público aos mapas a través de internet, que tamén terá unha ligazón na web municipal.

O plan converterase deste xeito nunha ferramenta de protección esencial de bens e persoas ante posibles incendios forestais próximos a vivendas e equipamentos. Porén, tamén é unha guía para que as persoas propietarias ou titulares dos terreos situados dentro das faixas cumpran coa súa obriga de mantelos limpos de maleza e do tipo de arborado indicado na normativa de prevención de incendios. De feito, a lei dí que as parcelas han de rozarse e librarse de árbores pirófitas antes do 31 de maio de cada ano, aínda que neste 2020, e por mor da crise sanitaria, a Xunta ampliou ese prazo até o 16 de xullo.

En calquera caso, se non se cumpre a normativa, o Concello poderá efectuar as limpezas de maneira subsidiaria -ben con medios propios ou coa colaboración de SEAGA- e repercutirlles aos titulares ou propietarios os custes dos traballos.

Outros asuntos do pleno
A sesión en que se votará a aprobación definitiva do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais no Concello de San Sadurniño tamén incorpora outros temas que non requirirán aprobación, senón que se trata de trasladar información sobre resolucións da alcaldía. Dúas delas teñen que ver con obras con financiamento provincial.

Nun caso trátase de modificacións puntuais nos proxectos de mellora da envolvente da Casa da Cultura e da iluminación no centro urbano, que non lle afectan aos importes nin ás obras en si.

Por outro lado tamén se lle dará conta ao pleno da inclusión no POS+ Adicional 2/2020 -dotado con 125.033€- dos proxectos de aglomerado da pista entre o Eirexado e Lourido e tamén do relativo á iluminación pública en Marqués de Figueroa, na nova rúa entre o centro de saúde e o CPI, Outeiro, o Enxerto, Agra de Arriba e Corrás. O importe global destas actuacións ascende a 124.666 euros. Os algo máis de 300 euros de diferenza con respecto aos 125.000 asignados pola Deputación dedicaranse ao apartado de gasto corrente.

Ao ser ordinario, o pleno tamén inclúe o apartado de rogos e preguntas. A sesión completa emitirase por primeira vez a través de internet.