Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño informa sobre a reanudación dos prazos administrativos a partir do 1 de xuño


 

A partir do 1 de xuño volverán contar os prazos administrativos que quedaron interrompidos ou suspendidos trala declaración do primeiro Estado de Alarma, agás naqueles para os que se ditase normativa específica ao respecto. O cómputo dependerá de cada caso, xa que pode ser que para un trámite en concreto estivese previsto o reinicio total do prazo, mentres que para outro só se trate dunha reanudación polos días que quedasen pendentes no momento en que se declarou a alarma. Se estamos nalgún deses casos, mellor consultar co organismo tramitador para evitar que se nos pase o prazo.

Un exemplo claro do que ocorre témolo coa declaración anual das Pensións Non Contributivas (PNC) que deben presentarse todos os anos antes do 31 de marzo. As persoas que perciben esta pensión han de facer unha declaración dos ingresos e rendas obtidos no ano anterior ou de calquera variación que se producise, coa finalidade de regularizar os importes que cobrarán cada mes.

A suspensión administrativa desde o 15 de marzo -día en que entrou en vigor o Estado de Alarma- significou que quedasen pendentes 16 días de prazo para facer un trámite que se reanudará a partir do 1 de xuño. Desta maneira, quen aínda non presentase a declaración poderá facelo ata o 18 de xuño a través da Sede Electrónica do IMSERSO, ou rexistrando o documento presencialmente a través da Xunta ou do Concello. Se se precisa axuda dos Servizos Sociais municipais -e tamén para rexistrar a declaración en persoa- haberá que solicitar cita previa no 981 490 027.

Por outra banda, a partir do 4 de xuño tamén se alzará a suspensión dos prazos de prescrición e caducidade de dereitos e accións. Ese mesmo día volverán contar tamén os prazos procesais suspendidos en virtude do RD 463/2020, de 14 de marzo.