Saturday 16 de November de 2024

O concello apela á responsabilidade e á colaboración da cidadanía ao visitar as praias da cidade


 

O responsable de Seguridade Cidadá, Carlos Touriñán, sinalou que un operativo de entre 70 e 80 persoas vixiarán este verán os areais coruñeses

As praias da Coruña xa están listas para que as veciñas e os veciños poidan ir tomar o sol e bañarse. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. O concello, informou, puxo en
marcha un protocolo que se prolongará ata o 15 de xuño, data na que comeza de maneira oficial o período estival de praias. Neste período de transición non estará operativo nin o servizo de salvamento e socorrismo nin o servizo de duchas. Non haberá tampouco franxas horarias para usar os areais.
Por iso, o concello apela á responsabilidade, solidariedade e ao espírito cívico da cidadanía. Pide a súa colaboración e un esforzo extra nesta etapa na que é necesario que se cumpra a distancia de dous metros nos areais e se respecte a capacidade destes. “Pedímoslle á cidadanía coruñesa un esforzo para que a Policía Local non teña que acudir a ningún rescate por unha neglixencia persoal”, sinalou.

En canto á capacidade, a concelleira lembrou que os areais coruñeses presentan unhas características e morfoloxía que os fan distintos a outros areais e que, por iso, hai que ter en conta as mareas vivas que reducen a capacidade das praias. O concello, sinalou Fontán, conta con 64.000 metros en preamar normal para que as coruñesas e coruñeses poidan gozar dos areais. Un operativo de entre 70 e 80 persoas traballarán este verán nos areais coruñeses.

A coordinación desta primeira fase estará a cargo das e dos axentes da Policía Local que vixiarán que se cumpran as normas de distancia e capacidade en cada un dos areais. Para iso esta maña quedará instalado na Coiraza do Orzán un Centro de Mando desde onde dirixirán todo o operativo. Este centro permanecerá aberto todo o verán, con labores non só de coordinación e vixilancia senón tamén de
información e seguimento. ”Pedimos que respecten a distancia dos dous metros e que, por suposto, sigan as indicacións da Policía Local e de Protección Civil que se encargan nesta etapa do control de acceso e da seguridade de todas as coruñesas e coruñeses”, dixo a concelleira.
Fontán insistiu en sinalar que “somos conscientes de que ningún sistema que poidamos aplicar vai satisfacer a toda a veciñanza e as e os visitantes que se acheguen ás praias, pero imos traballar para que esta nova situación sexa o menos molesta posible”. “Pedimos paciencia, colaboración e moito sentidiño”, dixo.
A concelleira tamén solicitou a colaboración para manter limpos os areais: “pedimos que a xente non deixe residuos nos areais, xa que acaban no mar e nas toallas e utensilios doutras persoas usuarias da praia”. A concellería reforzará os labores de limpeza para manter unhas condicións de hixiene óptimas.
Neste sentido, Fontán lembrou que a partir do 15 de xuño as praias da cidade serán espazos sen fume. O concello pedirá que non se fume nas praias. “Non haberá sancións se alguén fuma na praia, o noso labor neste caso é informar, solicitar a colaboración de todas e todos”, engadiu. Instalaranse cinceiros nas entradas dos areais e tamén se repartirán dispensadores individuais entre aquelas persoas que por motivos de mobilidade teñan dificultades en saír a fumar fóra da praia. ”É unha cuestión de compromiso, de civismo e solidariedade”, remarcou.
O concello, dixo, traballa para establecer mecanismos que sirvan para o control da capacidade en tempo real, aviso de preamares e desaloxo de praias en caso de mareas vivas, medidas de hixiene e salubridade en todos os areais. Será a través dunha web específica de praias, que poñerá en marcha a Concellería de Medio Ambiente, e dunha aplicación móbil.
Por outra banda, o persoal traballador municipal rematou esta mañá de colocar os valos perimetrais no acceso ás praias de Riazor, Santo Amaro, As Lapas e Oza. Este sistema permitirá controlar a capacidade dos areais e evitar as aglomeracións nas entradas e saídas. Ademais instalarase un servizo de megafonía que, xunto coas cámaras de tráfico, contribuirá ao mellor desenvolvemento destes labores.

O responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, sinalou que “a colaboración cidadá é fundamental á hora de manter as medidas de seguridade”. Para calquera dúbida pódese acudir ao centro de mando que estará instalado na coiraza ou chamar ao 092, e demais servizos de seguridade e emerxencias da cidade: 112, 091, 080.