Saturday 16 de November de 2024

Benestar Social realizará un seguimento de todas as persoas que pasaron a pandemia no albergue de Riazor


A concellería procuroulles a todas as persoas usuarias unha saída segundo a súa personalidade e necesidades para evitar que volvan durmir na rúa

O albergue habilitado no Pavillón de Riazor para lles dar acubillo durante a pandemia ás persoas sen fogar pecha hoxe as súas portas. O dispositivo supúxolle ao Concello da Coruña un gasto de máis de 422.000 euros desde que se abriu o 22 de marzo, 38.000 euros semanais, en que se incluíron aloxamento, comidas, roupa limpa e servizo de ducha e control médico. O labor da Concellería de Benestar Social por evitar que estas persoas volvan durmir na rúa non remata aquí e, tras realizar unha historia social de todas elas, veñen de lles buscar a saída máis axeitada á súa personalidade e necesidades.
Así, moitas/os regresaron aos seus municipios de orixe ou reagrupáronse coa familia, nalgúns dos casos despois de anos sen ter contacto cos seus. Outras/os aloxáronse no Fogar de Sor Eusebia ou na institución benéfica social Padre Rubinos e tamén lles proporcionaron a varias persoas usuarias unha vivenda de emerxencia.
A concellería, que valorou os seus índices de empregabilidade, comprométese a lles realizar un seguimento a longo prazo: “Hai unha porcentaxe que están cronificadas/os pola súa situación ou debido ás adiccións que teñen e resulta máis complicado mais traballaremos con todas e todos eles”.

 

Das 120 persoas que pasaron pola triaxe que se lles realizaba na entrada das instalacións, 107 instaláronse no pavillón e 13 non chegaron a entrar pero buscóuselles unha alternativa. Do total de persoas usuarias, 11 remataron por abandonar o dispositivo, mentres que 15 reagrupáronse coas familias e a 14 axudóuselles a atopar un lugar en que durmiren. Cinco delas marcharon para se
incorporaren a un traballo, 2 retornaron aos concellos en que naceron e ás demais xestionóuselles unha opción onde quedar, ben nun albergue ou ben unha habitación.

En todo o tempo en que estivo activo, non se deu ningún caso de COVID-19, agás nunha persoa á que se lle detectou que estaba infectada na triaxe e á que illaron até dar negativo. Por outra banda, déuselles formación e asesoramento laboral.
Ensinóuselles castelán ás persoas que non o sabían e axudóuselles en temas xurídicos e de traballo, así como a confeccionaren os seus currículos. Foi, por tanto, un servizo que transcendeu os labores puramente asistenciais e foi integral de cara a conseguir a súa reincorporación na sociedade.
Durante a estancia, Benestar Social facilitoulles todas as comidas do día, roupa limpa, espazo para durmir e outros para o ocio, a medicación e mais un servizo de vixilancia médica prestado en colaboración co Sergas. Xunto ao pavillón que se activou o 22 de marzo, o concello sumou un segundo dispositivo o 19 de abril na Cidade Deportiva de Riazor, que se pechou o 11 de maio.