O antigo edificio do ISM acollerá tanto os tres módulos da futura gardería pública como o espazo reservado a ludoteca
O alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, asinou esta mañá co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o convenio de colaboración entre ambas administracións para acometer o acondicionamento da praza pública da Atalaia.
Así, cunha achega provincial de 80.000 euros, realizaranse diferentes obras de mellora na contorna da nova escola infantil, co obxecto de contar cunhas condicións de acceso axeitadas e así facilitar a súa posta en funcionamento.
Segundo explicou o rexedor, a intención do goberno local é abrir a escola infantil para o inicio do próximo curso no antigo edificio do ISM. As instalacións, que se completarán coa ludoteca na planta baixa, constarán de tres módulos diferenciados para os máis pequenos do municipio. “É unha obra moi demandada polos veciños, e a nosa intención é rematar este mes a reforma interior para poder comezar co mobiliario xa en febreiro”, explicou Oujo.
Engadiu, ademais, que o obxecto do convenio asinado esta mañá coa Deputación da Coruña é “dar o primeiro paso cara á recuperación da Alameda de Porto do Son”.
Para as obras, a Deputación achega o 80% do importe total do proxecto, que suma 100.091,20 euros.