A maior parte do investimento adicouse a habilitar no pavillón de Riazor dous albergues para persoas sen fogar
O Concello destinou 1.100.000 euros a programas de axuda sociais durante o estado de alarma. Esta cifra non inclúe os gastos habituais nin os contratos existentes que tamén serviron para paliar os efectos
derivados da crise sanitaria orixinada pola COVID-19. A Concellería de Benestar Social reforzou todos os programas existentes e puxo en marcha novos dispositivos para afrontar a crise con máis recursos e poder atender ás persoas en situación vulnerable.
Ademais, o Goberno local segue a traballar na posta en marcha dun plan de reactivación social (PRESCO) que permita reforzar os servizos. É necesario, explican as persoas responsables de Benestar Social, garantirlles ás familias o acceso a axudas que cubran as súas necesidades básicas. Un plan que lle dea prioridade ás prestacións económicas e incremente as medidas sociais para atender ás persoas dependentes e á cativada en situación de risco.
Durante o estado de alarma, a maior parte do investimento destinouse á atención de persoas sen fogar. O Concello habilitou dous albergues no pavillón de Riazor (422.546 euros) con capacidade para 119 camas. As persoas beneficiarias recibiron atención médica, roupa e comida. Ademais de cubrir as súas necesidades básicas, o equipo técnico da concellería traballou con eles para lles axudar na súa inserción na sociedade e evitar que voltasen á rúa. Facilitáronselles clases de idiomas, tiñan actividades programadas durante o día…
Benestar Social destinou 346.901,13 euros á emerxencia social. O total de axudas económicas directas tramitadas foi de 1.176. A maioría destas axudas destináronse á adquisición de alimentos. Ademais, cada solicitude é valorada de forma individual atendendo as necesidades de cada persoa,
O Concello tamén adquiriu máscaras e material de protección para as persoas voluntarias e para o persoal traballador dos servizos municipais, que foron completando con achegas doutras entidades. Benestar Social repartiulle material de protección ás entidades da cidade que continúan traballando con persoas vulnerables (10.000 máscaras, 146 caixas de luvas, 911 pantallas protectoras, 1.146
batas e traxes de protección, 228 lentes de protección e 200 litros de solución hidroalcólica).