Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca que a carteira de contratos dos estaleiros de Navantia en Ferrolterra ascende a 600 M€


Explica que o proxecto de Iberdrola con Navantia Fene prevé a fabricación de 29 estruturas de anclaxe (jackets) para os aeroxeradores que se instalarán no parque eólico mariño de Wikinger, que a eléctrica está a desenvolver en Alemaña, en augas do Báltico

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que os estaleiros de Navantia en Ferrolterra contan actualmente cunha carteira de contratos que ascende a 600 millóns de euros, o que permite afrontar o 2015 con mellores perspectivas para seguir incrementando a carga de traballo na ría de Ferrol. Así o manifestou logo da xuntanza que mantivo con Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, compañía que acaba de asinar un contrato cos estaleiros de Navantia en Fene.

O mandatario galego explicou que o proxecto de Iberdrola con Navantia Fene prevé a fabricación nas súas instalacións de 29 estruturas de anclaxe (jackets) para os aeroxeradores que se instalarán no parque eólico mariño de Wikinger, que a eléctrica está a desenvolver en Alemaña, en augas do Báltico.

Segundo sinalou, trátase dun contrato cos estaleiros de Fene que ascende a 90 millóns de euros e que suporá a creación de 450 empregos durante os vinte meses que duren os traballos que, en períodos de maior carga de actividade, poden alcanzar os 700.

Feijóo tamén adiantou que a compañía sumará a este proxecto con Navantia a compra á empresa viguesa Industrias Ferri de 71 guindastres para a carga de equipos na montaxe deste parque eólico mariño, cun investimento de 7 millóns de euros. “Estamos a falar, en consecuencia -dixo-, dun contrato moi próximo aos 100 millóns de euros” entre ambas as dúas empresas do eido industrial galego.

O titular da Xunta expresou a súa satisfacción polo acordo acadado entre Iberdrola e Navantia e asegurou que é “unha acreditación de que a industria naval galega é competitiva”, e de que “se se poden facer estruturas eólicas mariñas para Iberdrola cos niveis de calidade e exixencia que esta compañía exixe, sen dúbida poderán facerse para calquera outra hidroeléctrica do mundo”.

Recoñeceu así que a reunión mantida hoxe co presidente de Iberdrola, á que tamén asistiron os alcaldes de Fene, Gumersindo Galego Feal, e de Ferrol, José Manuel Rey Varela, vén constatar por un lado, a aposta comercial dunha compañía eléctrica líder pola industria galega. Por outro, que o Goberno galego vai seguir traballando, contactando con empresas e dando a coñecer toda a capacidade do tecido industrial de Galicia, “capaz de competir en prezo e en calidade para os grandes provedores e para as grandes empresas de España e Europa”. E, por último, “que o noso sector industrial ten presente e ten futuro”.

Unha diversificación industrial real
Que Navantia Fene sexa adxudicataria deste contrato con Iberdrola, proseguiu, terá un impacto directo, primeiramente, sobre o emprego no sector naval de Ferrolterra, posto que suporá máis carga de traballo para os estaleiros de Navantia. Pero, ademais, dixo, supón abrir a porta ao gran reto que ten ante si a industria galega, que é a súa diversificación. “O estaleiro ten que diversificarse, non só ten que facer barcos, ou reparalos, senón que ten que facer todo aquilo que na industria metalúrxica sexa posible construír nas instalacións de Fene e Ferrol” e no conxunto da comarca.

“Apostar pola diversificación industrial vai seguir sendo un obxectivo fundamental e, por iso, queremos agradecerlle a Iberdrola o feito de que sexa o operador que abra a diversificación industrial do estaleiro público Navantia en Fene e Ferrol. É moi importante empezar cunha gran empresa a demostrar que se poden conseguir contratos e que se pode diversificar o sector naval de Ferrol”, incidiu.

O presidente galego manifestou que a Xunta vai seguir traballando nesta dirección. “Isto non é a solución definitiva para toda a capacidade instalada na ría de Ferrol, pero é un bo inicio do ano 2015, e imos seguir traballando para tentar que haxa máis industrias e máis empresas que fagan unha diversificación industrial real de Ferrol para que, xunto co sector naval, outros sectores poidan recuperar o desemprego que aínda sufrimos”, aseverou.

Feijóo sinalou que, superada a parálise motivada polo tax lease, hoxe o sector naval galego está recuperando progresivamente a súa carteira de pedidos, que se traducen en contratos por valor conxunto de máis de 1.300 millóns de euros e máis de 8,6 millóns de horas de traballo. E, concretamente en Navantia, engadiu, se hai dous anos non había ningún pedido, actualmente conta con encargos para a construción do flotel de Pemex, o deseño do buque LHD para a Armada turca, a transformación do buque Monforte de Lemos, ou para a construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada española, ademais do novo contrato con Iberdrola.

“Espero e desexo que poidamos seguir anunciando contratos na ría de Ferrol porque ese é o obxectivo do Goberno galego e de todos os que traballamos con ese empeño; que Ferrol non sexa un lugar monocultivo para o naval, senón que amplíe a súa óptica e perspectiva e que a industria en sentido amplo volva instalarse con carácter xeral e con maior intensidade para crear emprego”, concluíu.