Coincidindo coa Fase 2, avanzarase na progresiva recuperación do servizo para adaptalo á demanda das persoas usuarias e ao consecuente incremento da mobilidade
A Compañía de Tranvías segue traballando para adaptar o servizo de transporte urbano na Coruña ás necesidades dos seus usuarios, conforme avanza o proceso de desescalada do confinamento implantado
con motivo da crise sanitaria do COVID-19.
Coincidindo co inicio da Fase 2 deste proceso, que se implantará na comunidade galega a partir do 25 de maio, e que implica un posible incremento da mobilidade ao ampliarse as actividades permitidas, a Compañía de Tranvías reorganizou o servizo para adaptalo á demanda. Así, o servizo de transporte urbano incrementará un 30% a súa oferta actual a partir do luns, unha vez analizadas as tendencias na
ocupación, e co obxectivo de ofrecer un servizo acorde coas demandas dos usuarios e cumprindo todos os protocolos implantados para o transporte de viaxeiros.
Unha vez reforzado o servizo un 30% con respecto ao comezo da Fase 1, a compañía seguirá adaptándoo conforme detéctense novas necesidades, tal como vén facendo tanto desde a implantación do estado de alarma como desde o inicio do proceso de desescalada do confinamento. Por tanto, non se descartan novas modificacións, con reforzos nalgunhas liñas ou recuperación de servizos, en función da avaliación da ocupación e para garantir en todo momento que se cumpre coas indicacións establecidas desde as autoridades.
Os novos horarios poderán consultarse na app iTranvias e na web www.tranviascoruna.com a partir de hoxe sábado, 23 de maio. Recomendamos informarse a través destes medios ao longo de todo o proceso de desescalada, xa que, como se indicou, os horarios poderán sufrir modificacións a medida que se vaia
reincorporando o servizo orixinal ou se realicen reforzos.
Durante todo este proceso a Compañía de Tranvías manterá vixentes todas as medidas xa establecidas de hixiene e prevención para garantir ao máximo a seguridade dos seus traballadores e dos seus usuarios. Entre elas destaca a colocación de biombos de seguridade na cabina do condutor, a supresión da ocupación de asentos en primeira fila e as medidas especiais de limpeza e desinfección dos vehículos.
A Compañía de Tranvías, como operador dun servizo público de primeira necesidade, seguirá traballando para adoptar todas as medidas que garantan un transporte público de calidade, tan esencial para moitas persoas desta cidade, coas mellores condicións posibles de seguridade e hixiene, e seguindo as indicacións das autoridades públicas e sanitarias, do mesmo xeito que o resto da cidadanía, á cal agradecemos de antemán a súa implicación nesta loita na que todos estamos comprometidos.