Este é o paso previo á aprobación definitiva do plan.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Camariñas aprobou provisionalmente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco histórico, o que supón un paso máis de cara á súa aprobación definitiva.
Tras esta aprobación provisional o seguinte paso será a solicitude do informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer as súas conclusións e poder pasar á aprobación definitiva e á súa posterior entrada en vigor.
O PEPRI de Camariñas ten como obxectivo principal recuperar a zona do casco histórico, que na actualidade está en proceso de regresión debido ao crecemento ao marxe do planeamento das últimas décadas. “Queremos que o casco histórico sexa un lugar ordenado, agradable, proporcionado e de calidade”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
A rexedora tamén destacou que “cando entre en vigor servirá para recuperar e ordear o casco histórico de Camariñas, elevando a calidade de vida dos veciños e veciñas e creando as condicións necesarias para unha rexeneración urbana que posibilite a actividade económica en sectores clave como o turismo e o comercio”.
Resumo do PEPRI de Camariñas
A superficie delimitada polo ámbito do PEPRIC é de aproximadamente de 122.032 m² variando o ámbito do PEPRI-01 establecido no vixente PXOM de Camariñas que é de 119.022 m² (11,90 Ha), o que supón un incremento do 2,52 % respecto da delimitación inicial, aínda que esta diferenza está dentro dos parámetros máximos (5%) asumidos pola lei.
Para a súa elaboración entendeuse como prioritaria a consolidación e protección do tecido e da trama tradicional para evitar así a súa desaparición, ao tempo que se melloran os servizos urbanísticos e as dotacións. Ademais, permite establecer as liñas xerais e normas para que as zonas degradadas polos crecementos sen control poidan recuperar unha harmonía e acadar un maior grao de integración na paisaxe costeira da capital municipal.
Equipamentos, sistema viario e espazos libres
No que se refire aos equipamentos non se propoñen elementos novos, á marxe dos xa recollidos no PXOM de Camariñas, optándose por acondicionar o situado na rúa da Fonte e construíndo dous pequenos pavillóns para crear un lugar para usos educativos e administrativos, entre os cales destacarían: ser a sede da oficina de rehabilitación do PEPRIC, actividades formativas, viveiro de emprendedores e espazo para o uso por parte de asociacións, colectivos, ciclos de conferencias etc, contando ademais cun pequeno auditorio ao aire libre.
No que atinxe ao viario, tan só se pretende a apertura dun pequeno tramo entre as rúas Muíño do Vento e Pizarro, para desta forma dar saída a unha rúa que só ten acceso peonil. Noutros puntos como a rúa San Xosé, ruá Pizarro, rúa da Fonte ou rúa do Muíño apóstase por pequenos recuados de parte das aliñacións para gañar un pouco de amplitude, sen pór en risco elementos con valor patrimonia. Na maior parte do ámbito mantéñense as aliñacións existentes, protexéndose en xeral os peches de tipo tradicional
que existen ao longo de todo o Casco Histórico de Camariñas.
No que se refire aos espazos libres o PEPRIC recolle tanto algúns acondicionados recentemente e que non figuraban no PXOM como é o caso dos que se localizan na praza do Curro ou o Cantón da Leña e eleva a esa categoría espazos como as prazas de Colón, do Anxo e Insuela, sobre as
que ademais se propoñen actuacións de reurbanización importantes, ao entender que conforman xunto ás xa delimitadas un sistema verde ao longo de toda a zona do plan especial.
Por outra banda, os lugares onde se propón executar novas zonas verdes corresponden á unión das rúas Santa Ana, Churruca e a estrada do Vilán (L- 166), a partires de parcelas adxacentes ao viario que se acondicionan para permitir unha maior amplitude. Infraestruturas e servizos
As actuacións que se consideran de maior importancia son as de soterramento das redes de enerxía, alumeado e telefonía por supor un importante impacto visual na paisaxe urbana.
Neste mesma situación se atopa a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos. Apóstase pola implantación de xeito progresivo de puntos de contribución múltiple soterrados en zonas clave. Esta medida podería verse complementada e reforzada pola recollida porta a porta naquelas zonas
eminentemente peonís.
Mobilidade interior e accesibilidade
Tanto o pavimento, como o mobiliario, os paneis informativos ou a iluminación deberán cumprir a lexislación vixente en materia de accesibilidade. En todos os equipamentos será obrigada a reserva de cando menos unha praza de estacionamento adaptado. En espazos nos que estean previstas zonas de estacionamento público en superficie será necesario contar coa reserva que establece a lexislación en materia de accesibilidade tentando de que sexa un mínimo de dúas prazas por ámbito se é posible.
No que respecta á mobilidade os principais viarios de acceso e circunvalación manteranse como zonas de tráficos separados con diferenciación da zona de circulación dos vehículos e a peonil, exista
diferenza de nivel ou non. Nas vías interiores estruturantes é necesario que poidan coexistir vehículos e persoas. Por último proponse a peonalización do resto das vías, limitando o acceso que os automóbiles poidan ter a elas, restrinxíndoo aos posibles accesos para carga e descarga ou a entrada e saía dos estacionamentos privados.
No que respecta ao aparcadoiro, gran parte das necesidades son suplidas pola zona portuaria pero nos ámbitos de actuación situados no eixe conformado polas rúas Pizarro e San Xosé, parte da superficie de dotación a obter orientarase ao establecemento de aparcadoiros disuasorios que permitan non colapsar as pequenas rúas interiores do ámbito do plan especial.
Edificacións
Apóstase pola preservación das construcións tradicionais e, no caso das máis relevantes, catalogándoas se acaso non figuraban xa no plan xeral. Para o resto fixaranse uns niveis de intervención posibles e de ser o caso os elementos a protexer que aparecerán reflectidos nas fichas individuais.
En xeral limítanse as alturas, que só excepcionalmente poderán superar o baixo e planta ou baixo e dúas plantas, segundo as ordenanzas, e fíxanse unhas condicións de cuberta moi relacionadas coas existentes tradicionais nos rueiros e couzadas onde se localiza cada edificación considerada, limítanse os voos cara rúas estreitas prohibíndose voar máis dunha vez por edificación (sen computar para elo cornixas e aleiros), delimítanse os materiais a empregar en cerramentos e carpinterías, prohibíndose aqueles
que se consideran alleos á identidade da vila, salvagárdanse os peches tradicionais das parcelas de cachotería que aínda existen dentro do núcleo, etc.