Friday 22 de November de 2024

O concello presenta a maior oferta de campamentos de verán dos últimos anos para que as familias poidan conciliar


 

Ante a demanda da cidadanía, o Goberno local ofrecerá 7.475 prazas en quendas de 15 días, na maioría delas as/os pequenos e mocidade de catro a 17 anos poderán achegarse á música e á ciencia ou practicaren deporte e contactaren coa natureza desde o 22 de xuño

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a maior oferta de campamentos de verán dos últimos anos deste concello co fin de que “as familias concilien nun verán atípico, en que as circunstancias nos obrigan a establecer este programa para lles dar cobertura ás diferentes situacións”. Deste xeito, haberá dispoñibles un total de 7.475 prazas en distintos organismos que tratarán de lles dar acubillo ás nenas, nenos e mocidade desde o 22 de xuño. Desde a práctica de deportes a un achegamento á música e á ciencia, as rapazas e os rapaces poderán desfrutar de actividades en que aprenderán dunha maneira lúdica e divertida.

As persoas interesadas poderán realizar a prescrición do 27 ao 29 de maio de xeito telemático e o día 30 anunciarase a listaxe de demandantes nas webs municipais e no 010. Habilitarase entón un período de reclamacións, os días 30 e 31 de maio e o 1 de xuño, e o sorteo terá lugar o 3 de xuño. O 9 de xuño publicarase a listaxe coas persoas admitidas mais as que permanezan en lista de espera. Para inscribírense e aboaren a cota, abrirase o prazo do 10 ao 12 de xuño. Do 13 ao 19 de xuño confeccionaranse as listaxes definitivas nas que se incorporarán as persoas en espera que finalmente consigan unha vacante.
Os campamentos comezarán o 22 de xuño, en función das modalidades e dos espazos. Formaranse grupos dun máximo de 15 participantes, seguindo as medidas decretadas polo Ministerio de Sanidade e as adoptadas polos organismos responsables das actividades de ocio educativo xuvenil. Terán preferencia as/os empadroadas/os no concello e con pais e nais traballando e teletraballando, así
como as familias monoparentais.

MODALIDADES
Canto á oferta de Benestar Social, a rede de Centros Cívicos disporá de 2.625 prazas distribuídas en catro quendas de 15 días e unha máis de nove xornadas, desde o 1 de xullo ao 9 de setembro. Estarán dirixidos a raparigas/os de catro a 12 anos e haberá prazas para cativas/os con necesidades educativas especiais ou con algunha discapacidade. A concellería completa a oferta con 100 vacantes máis de custo gratuíto en campamentos, que terán lugar en xullo no polideportivo de Labañou con saídas a espazos abertos para realizaren actividades ao aire libre.
O Consorcio para a Promoción da Música ofrecerá catro quendas en xuño e agosto para 60 pequenas/os e mocidade de entre 6 e 17 anos no Centro Ágora. Non será preciso que teñan coñecementos musicais.
O Servizo municipal de Deportes ofertará 700 prazas sen custo repartidas en campamentos na Cidade Deportiva de Riazor e nos polideportivos de Novo Mesoiro e Sagrada Familia, que se combinarán con actividades nos campos de fútbol de San Pedro de Visma, Johan Cruyff e Víctor Fernández Alonso. Terán cabida rapazas e rapaces de entre 6 e 13 anos e haberá a opción de ampliación horaria cos servizos
de madrugadores e comedor no de Riazor, polos que si que haberá que pagar.

En colaboración coa Federación das ANPA da Coruña, 2.430 alumnas/os de Educación Infantil e Primaria con pais e nais que necesiten conciliar poderán desfrutar de actividades nos CEIP Alborada, Curros Enríquez, Emilio Pardo Bazán, Juan Fernández Latorre, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, San Pedro de Visma, Sanjurjo de Carricarte e Wenceslao Fernández Flórez e contarán coa opción de
madrugadores, con ou sen almorzo, e servizo de comedor. Pola súa banda, no IMCE serán 1.350 nenas/os de 4 a 12 anos os que se repartirán entre o Fórum Metropolitano e o Centro Ágora con prazas reservadas para demandantes con necesidades educativas especiais ou con algunha discapacidade.
Os Museos Científicos acollerán na Domus e no Aquarium Finisterrae a 150 mozas e mozos de entre 12 e 17 anos, e, por último, a OMIC (Oficina Municipal de Información ás persoas Consumidoras) sumará outras 60 prazas máis de custo gratuíto para cativas/os de catro a dez anos.