Friday 22 de November de 2024

Bares e restaurantes poden atender no interior desde hoxe sen superar o 40% da súa capacidade


 

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe unha nova orde que alivia en parte as restricións do Estado de Alarma, nomeadamente as referidas á mobilidade e ás condicións de apertura da hostalaría. De feito, no caso de concellos coma o de San Sadurniño, cunha poboación inferior aos 10.001 habitantes e unha densidade poboacional tamén inferior aos 100h./Km², xa non será obrigatorio restrinxir os paseos en familia a un máximo de un quilómetro arredor da casa e, ademais, todas as persoas convivintes poderán saír xuntas dar unha volta. Por outra banda, no caso dos bares e restaurantes, teñen permitido desde xa mesmo atender no interior dos locais, aínda que sen empregar a barra e sen superar o 40% das mesas. Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia tamén sacou hoxe unha orde de Medio Rural autorizando os desprazamentos dos titulares de predios para efectuar a limpeza das faixas de protección contra incencios.

O anuncio estatal supón, no caso de San Sadurniño, adiantar un alivio das restricións que chegaría o próximo luns, coa máis que segura entrada de Galicia na Fase 2 da desescalada.

O BOE refírese en primeiro lugar ao desprazamento da poboación infantil e á práctica da actividade física non profesional indicando que no caso dos municipios por debaixo de 10.001 habitantes e baixa densidade de poboación xa non serán de aplicación as franxas horarias, algo que en San Sadurniño viña sendo así ao ter menos de 5.000 habitantes.

A novidade está en que agora os paseos dos nenos e nenas menores de 14 anos xa non está limitado a un máximo de tres menores na compaña dun adulto, senón que poderán saír xuntas todas as persoas convivintes no mesmo domicilio. Tamén se amplía a distancia, que pasa de 1Km. ao redor da casa a todo o territorio municipal. Mesmo se poderá chegar a outro municipio dando o paseo, sempre sen superar os 5 quilómetros de distancia do domicilio e sempre que se trate dun concello limítrofe pertencente á mesma provincia e nas mesmas circunstancias, é dicir, menos de 10.001 habitantes e densidade inferior a 100 h./Km².

Cómpre recordar que segue en vigor a prohibición de coller o coche ou o transporte público para ir dar unha volta a outro municipio, algo que nos últimos días moita xente pasou por alto en San Sadurniño. De feito, a raíz das xornadas de sol e calor foi habitual ver aparcados vehículos nas inmediacións do paseo fluvial e noutros lugares, como por exemplo os puntos de inicio das rutas de sendeirismo máis coñecidas do concello.

Bares e restaurantes, tamén no interior
As orde publicada no BOE tamén adianta uns días as condicións de apertura para bares e restaurantes. Desde a semana pasada poden atender nas terrazas ata un máximo do 50% da súa ocupación e, desde hoxe, os locais hostaleiros de San Sadurniño tamén poden atender no interior: máximo nun 40% do aforo, mantendo as distancias e sen poder servir na barra. De feito, o Artigo 18 da orde ministerial que regula ese aspecto -a SND 414/2020- di literalmente: “o consumo dentro do local unicamente poderá realizarse sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e preferentemente mediante reserva previa. En ningún caso se admitirá o autoservizo en barra por parte do cliente. Asimesmo, estará permitido o encargo no propio establecemento de comida e bebida para levar”.

Segue en vigor todo o demais: máximo 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas, distanciamento social e medidas hixiénicas reforzadas. O anuncio do BOE causou certa sorpresa para ben no café bar Del Palacio, que hoxe mesmo retomou a actividade na terraza. Abriu coma sempre, ás 6.00h., con servizo só no exterior. Dúas horas despois, tras revisar a publicación oficial, tamén permitiu a entrada de clientela nun local con menos mesas das habituais e coa barra clausurada.

Dúas ordes da Xunta
Pola súa banda, o Diario Oficial de Galicia tamén publica dúas ordes de Medio Rural relacionadas coa desescalada.

Unha delas refírese á autorización para celebrar mercados de gando en toda a Comunidade Autónoma baixo estrictas medidas preventivas.

A outra orde vén autorizar os traballos de limpeza de montes, terreos forestais e predios en chan rústico cubertos de maleza, en cumprimento da normativa de prevención de incendios. A autorización refírese tanto á limpeza obrigatoria dos montes como ao mantemento das faixas de protección e de espazos situados en chan urbano, núcleo rural e urbanizable.

No diario tamén se indica que nos desprazamentos para facer eses traballos deberemos levar unha declaración responsable que comprenda a finca ou fincas nas que se vaian levar a cabo as actuacións, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén haberá que portar os apeiros, ferramentas ou utensilios necesarios, ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que están depositados na parcela ou lugar onde se vaia facer o traballo.

Cómpre recordar que a obriga de manter limpas as faixas de protección se ampliou até o 16 de xullo e que neste momento tamén se poden solicitar queimas agrícolas e de restos forestais, para o que será necesario chamar ao 012.