Até o 30 de xuño, poderase reclamar o custo das localidades que se adquiriron fisicamente nos puntos de venda do IMCE
O concello reabrirá o luns o despacho de billetes da praza de Ourense co fin de axilizar o proceso de devolución do importe das entradas físicas para os eventos que foron cancelados ou aprazados pola crise
sanitaria causada pola COVID-19. Polo de agora, poderanse solicitar os cartos das localidades que se adquiriron nos despachos de billetes do IMCE (os da praza de
Ourense, Teatro Colón, Fórum Metropolitano, Coliséum e Centro Ágora) para os espectáculos suspendidos de Abraham Cupeiro (22 de marzo), Acróbata Arlequín (29 de marzo), Festival de Cabaret (do 25 ao 28 de marzo), Quique González (30 de abril) e “West Side Story” (do 16 ao 19 de abril), previstos no teatro Colón; Chayanne (26 de abril) e Mika (30 de xullo), do Coliséum; e Traces (3 de abril), do Teatro Rosalía Castro.
Tamén se poderá reclamar o diñeiro dos tíckets para as citas aprazadas: “Unha noite na praia” (13 e 15 de marzo) e Óscar Rosende (29 de maio) no Teatro Colón; “Luna” (15 de marzo), no Centro Ágora; Ara Malikian (28 de marzo) e Loquillo (15 de maio) no Coliséum; e para o Encontro Mundial do Humorismo-EMHU (do 2 ao 10 de marzo), en diversos recintos. O prazo para pedir a devolución é desde este luns até o 30 de xuño e esta realizarase a través do mesmo método de pago en que se compraron as entradas no seu día, ben en efectivo ou ben na tarxeta. As persoas interesadas deberán levar consigo os pases físicos e o documento bancario, en caso de que as mercasen con el. Do 1 ao 30 de xuño, poderase esixir tamén o importe das localidades do Festival Intercentros.