Friday 22 de November de 2024

O CPI de San Sadurniño homenaxea a Ricardo Carvalho Calero con tecnoloxía do MIT


 

Pasou o día 17 de maio, pero non as homenaxes á vida e obra de D. Ricardo Carballo/Carvalho Calero. De feito, a Real Academia Galega -ente promotor do Día das Letras Galegas- adiou para outubro as principais celebracións e xa hai voces reclamando que as Letras do ano que vén se lle dediquen ao autor para honralo como merece. Hai uns días falamos da montaxe da “Farsa das zocas” que prepararon en Santa Mariña sobre ese texto teatral do escritor, lingüísta e activista. Tamén mencionamos a relación que tivo co noso concello, recollida na web Fálame de San Sadurniño. E agora toca referirse ao traballo que fixeron no CPI de San Sadurniño para descubriren a súa figura e, ao tempo, dala a coñecer a través de internet. A rapazada -con axuda do profesorado e da biblioteca- investigou a fondo e preparou catro unidades didácticas animadas nas que se repasa o universo humano e literario de Don Ricardo.

No proxecto coordinado polo profesor Iván Montes participaron os cativos e cativas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. A idea era simple e complexa ao mesmo tempo, posto que había que montar cada unidade coas achegas individuais do alumnado e sen posibilidade de manter encontros presenciais.

Parte do labor de investigación estaba feito de antes da crise sanitaria e o reto principal foi, precisamente, poder seguir afondando na figura do escritor de maneira virtual e acompasada ata conseguir un repaso completo á súa biografía e a súa obra.

Ademais das mestras e mestres de cada curso, na iniciativa implicouse a biblioteca do centro e o equipo de Dinamización da Lingua Galega. Tamén as familias, que lles axudaron ás nenas e nenos a preparar os textos e a gravar a súa participación na narración sonora, estruturada en catro capítulos.

Así, no caso de 4º de Educación Primaria ocupáronse de indagar sobre a creación literaria infantil de Ricardo Carvalho Calero. Os cativos e cativas de 5º tocaron as curiosidades sobre o autor -entre elas o seu longo nome: Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo-. As aulas A e B de 6º abordaron, respectivamente, a biografía e a obra do homenaxeado este ano polas Letras.

As catro unidades didácticas compuxéronse con anacos de audio e imaxes que logo se integraron a través da plataforma Scratch, que permite xerar presentacións, xogos e animacións utilizando bloques semellantes aos que usa a rapazada para programar robots. Co programa -xurdido no seo do MIT Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachussets- poden facerse debuxos, incorporar fotografías e sonidos aos que logo se lles dá vida de maneira moi intuitiva.

O resultado do proxecto pode verse nesta ligazón da web do CPI de San Sadurniño, con música do cuarteto tradicional Airiños da Freba. O promotor da idea, Iván Montes, e o profesorado implicado fixeron hai uns días unha presentación virtual na que puxeron de manifesto a súa sorpresa polo éxito que tivera a actividade entre o alumnado. Ademais de aprenderen cousas sobre o autor homenaxeado, os cativos e cativas tamén tiveron que resolver retos relacionados co emprego das novas tecnoloxías, como por exemplo investigar en google, buscar imaxes, gravar son, usar o correo electrónico, etc.

O equipo docente tamén valorou de forma positiva a súa primeira experiencia coa plataforma Scratch, que podería empregarse para producir pequenos xogos de preguntas e respostas arredor da figura de Carvalho Calero ou poara outros proxectos educativos.